Fronte unánime dos comités de Ferroatlántica contra a venda e para esixir da Xunta que "non permita a segregación"

A representación das fábricas de Cee Dumbría, Sabón, das centrais e da mina de Serrabal demanda á empresa que cese nas súas pretensións

Cee -

Os Comités de Ferroatlántica de Cee-Dumbría-Centrais e o Comité de Ferroatlántica de Sabón emitiron un comunicado conxunto en rexeitamento ás pretensións da empresa e para esixir da Xunta que, dunha vez, "asuma as súas responsabilidades e competencias como goberno e non permita unha posíbel segregación das actividades produtivas". A este manifesto adheríronse tamén os delegados de persoal de RAMSA,  sociedade do Grupo que se encarga da explotación da mina de Serrabal.

Hai que lembrar que da mina de Serrabal (situada entre os Concellos de Vedra e Boqueixón) é onde Ferroatlántica extrae e procesa o mineral de cuarzo co que fabrica o silicio metal e as  ferroaleacións. Segundo as propias afirmacións da empresa, a mina de Serrabal "é unha das explotacións máis importantes no mundo" debido ao volume de reservas e á calidade do cuarzo que dela se extrae.

A explotación destes recursos naturais e as axudas recibidas dende o IGAPE e outros organismos públicos facilitaron a Ferroatlántica a consecución do proxecto FerroSolar. Neste senso, no comunicado conxunto reclámase que o proceso de fabricación de silicio calidade fotovoltaica (Silicio FerroSolar) "se leve a cabo integramente en Galiza".

Continúa o peche indefinido

Por outra banda,  os membros do Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais continúan o peche indefinido que iniciaron o pasado luns no salón de plenos do Concello de Cee e que vai acompañado de concentracións diarias da Casa Consistorial, para demandar do Presidente da Xunta que atenda a solicitude de reunión presentada polo Comité.

Precisamente, nesta xornada o Presidente recibe aos alcaldes da comarca, pero continúa desatendendo a petición dos traballadores e traballadoras. Unha actitude que reproban dende o Comité.

Comunicado conxunto dos comités

Os Comités de Empresa de Ferroatlántica de Cee-Dumbría-Centrais e o Comité de Empresa de Ferroatlántica de Sabón, ante o anuncio feito pala Dirección de Ferroatlántica da venda das Centrais Hidroeléctricas do Grupo en Galicia, queremos manifestar o seguinte:

1.- A nosa oposición frontal a este proceso de venda e segregación. A empresa Ferroatlántica explota recursos naturais de Galiza, beneficiándose de concesións públicas supeditadas ao mantemento e xeración de postos de traballo, así como da declaración de utilidade pública para a expropiación de terreos para a construción das Centrais Hidroeléctricas.

As actividades de xeración de enerxía eléctrica e de fabricación de ferroaleacións forman unha unidade produtiva única. A vinculación de ditas actividades, que forman un todo, é unha obriga legal imposta pola Xunta de Galiza; así mesmo está ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza con data 9/5/1996 e do mesmo xeito polo Tribunal Supremo con data 18/10/2001.

Recentemente foi aprobada en sede parlamentaria, por unanimidade, unha proposición non de lei para evitar a segregación das actividades. Do mesmo xeito aprobouse, tamén por unanimidade, unha declaración institucional por parte da Deputación da Coruña. Así mesmo, os Concellos da comarca aprobaron dita declaración en sesión plenaria.

2.- É firme e decidida a nasa unión para reclamar a Ferroatlántica que, por unha banda, desista das súas intencións de venta das Centrais e, por outra, que calquera Plan Industrial, inversións e, polo tanto, xeración de emprego futura, non estean supeditados en ningún dos casos á venda das Centrais.

Neste sentido reclamamos de novo que o proceso de fabricación de silicio calidade fotovoltaica (Silicio FerroSolar) se leve a cabo integramente en Galiza, pois tanto os recursos naturais galegos explotados pola empresa como as axudas recibidas dende o IGAPE e outros organismos públicos, reportáronlle a Ferroatlántica importantes recursos económicos durante os últimos 15 anos, invertidos en l+D+i para a consecución do proxecto FerroSolar.

Por todo o exposto,

Exiximos da Xunta de Galiza que, dunha vez, asuma as súas responsabilidades e competencias como goberno, respectando o marco legal e non permitindo unha posíbel segregación das actividades produtivas e de xeración de enerxía. Así mesmo, demandamos que poña en marcha as actuacións necesarias para garantir o mantemento dos postos de traballo, para o cal solicitamos de novo ser recibidos á maior brevidade polo Presidente da Xunta de Galiza.

Por último, demandamos da Presidencia da Empresa que poña fin as intencións de venda das Centrais Hidroeléctricas de Galiza, se ateña á legalidade vixente ao respecto e ademais, de forma rotunda, que cumpra ca anunciado o pasado 19 de Setembro de 2016, en canto a construción dunha nova planta en Sabón para a fabricación de Silicio Solar.

Volver