Galiza, á cabeza das mobilizacións polo convenio estatal do sector dos Centros de Chamadas

Os paros de dúas horas por quenda convocados pola CIG tiveron un respaldo masivo

Vigo -

O noso país foi hoxe o epicentro das mobilizacións convocadas a nivel estatal para reclamar un convenio colectivo xusto para o sector dos Centros de Chamadas. Os cadros de persoal das distintas empresas que operan en Galiza secundaron de xeito masivo os paros de dúas horas por quenda convocados pola CIG, protestas que desta volta tamén se celebraron no resto do Estado español.

(Galería de imaxes)

As protestas fan parte do proceso de mobilizacións promovido pola CIG dende o ano 2015 fronte ao bloqueo da negociación do convenio estatal de Contact Center.

Os paros de dúas horas, que foron un éxito en todo o país, desenvolvéronse de 00.00 a 02.00 horas na quenda de noite; de 10.30 a 12.30 na de mañá; e de 16.30 a 18.30 horas na quenda de tarde.

Ademais, celebráronse concentracións ás portas das empresas tanto nas quendas de mañá coma nas de tarde. Nuns casos foron convocadas pola CIG en solitario, mentres que noutros foi a través dos comités de empresa.

En moitas das concentracións os traballadores/as amosaron carteis solidarios de apoio aos empregados/as de Extel, compañía que vén de poñer en marcha un ERE extintivo que afectará a boa parte do seu persoal.

Para o vindeiro xoves 29 de setembro están convocados novos paros de dúas horas, así como novas concentracións; finalmente, o 6 de outubro haberá unha nova xornada de folga no sector.

Volver