Galiza con Catalunya defende a lexitimidade dos resultados do referendo do 1 de outubro

Anuncia unha mobilización para o propio día en que se emita a DUI

Nacional -

Representantes da Plataforma Galiza con Catalunya, da que fan parte máis de 30 organizacións, entre elas a CIG, compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar a represión, a manipulación informativa, defender a lexitimidade do referendo celebrado o pasado 1 de outubro e saudar á República Independente de Catalunya. Anunciaron ademais a convocatoria dunha mobilización para o propio día en que se emita a DUI.

A plataforma, conformada por organizacións sociais, políticas, sindicais e culturais, parabenizou ao pobo catalán “pola enorme determinación e pola lección de dignidade e civismo demostrada durante toda a xornada de votación”. Máis aínda á vista de como o Estado pretendeu, por todos os medios, impedir e deslexitimar o referendo — sen o conseguir.

Así salientou que “as xentes de Catalunya non só mantiveron un comportamento consecuente durante toda a xornada e durante os meses previos de mobilización, senón que demostraron entender perfectamente cal é a esencia da democracia: que, no caso de conflito entre democracia e legalidade, é esta última a que debe ser modificada, tal e como manifestou a ONU nos días previos ao 1 de outubro”.

Denuncia da represión

Xunto a isto a plataforma considerou que a “brutalidade das actuacións da Garda Civil e da Policía española, o regueiro de persoas feridas que deixaron e as imaxes que están hoxe a escandalizar o mundo malia seren negadas polos principais axentes mediáticos non poden ficar impunes”.

Entende ademais que tampouco poden servir para argumentar que un outro goberno español tería actuado doutro xeito, porque, “como foi demostrado unha e outra vez, non se dan no Estado español as condicións necesarias para o exercicio da libre determinación dos pobos”. Mais, sobre todo, insistiu en que “do que non poden servir é de escusa para non recoñecer o resultado do referendo. Antes ao contrario. A pesar do caos que esas forzas crearon, de maneira propositada, e a pesar de que a súa operación tiña como obxectivo prioritario espallar un medo paralizador e desmobilizador e, en segundo termo, derivar na propia deslexitimación do resultado, o certo é que o pobo catalán acudiu ás urnas e as defendeu e que a práctica totalidade dos colexios funcionaron con toda a normalidade exixíbel nun clima de excepción como o instalado polo Estado”.

Por iso, lonxe de relativizar a validez dos resultados, asegurou que “as vergoñentas circunstancias en que se produciron lévannos, ao contrario, a lles dar aínda unha maior lexitimidade”.

Ademais puntualizou que, se do total de votos contabilizados, máis de 90% foron favorábeis a que Catalunya se transforme nun Estado independente en forma de República, “a vontade popular está claramente definida e á vista, e só pode ser recoñecida con todas as súas consecuencias, que pasan pola próxima proclamación da República Catalá nos prazos e condicións que a lexítima representación do pobo catalán defina”.

Críticas a Felipe VI

Para a plataforma a aparición pública do Xefe do Estado, Felipe VI, para facer unha declaración oficial da Casa Real sobre a situación política de Catalunya “corroborou novamente que o Estado español apostou única e definitivamente pola vía represiva. Sen entender a profundidade e o alcance do acontecido nos últimos anos en Catalunya -nun proceso que culminou o domingo co referendo de autodeterminación de masiva participación- a posición de Felipe VI converteuse nunha sucesión de ameazas contra o pobo catalán e a súa lexítima representación política e institucional”.  

Diante disto manifestou o seu rexeitamento aínda entendendo que “as palabras do monarca español a estas horas xa non teñen mais efecto que o de declaración formal porque Catalunya xa ten en marcha o proceso que, de acordo coa Lei de Desconexión aprobada no Parlament, rematará coa declaración de Independencia e a constitución da República Catalá”.

Agochados detrás da Constitución

Catalunya leva xa días, en realidade anos, segundo a Plataforma, “desconectada dun Reino de España que non soubo atender as demandas maioritarias do seu pobo e pactar un proceso que dese voz e voto e determinara a vontade popular”. De feito lembrou que o independentismo sempre deixou claro, que de se arbitrar tal proceso que rematara nun referendo vinculante, aceptarían o resultado fora este o que fora. Porén, denunciou que “o estado español nunca aceptou nin a mínima posibilidade de discusión sobre esa vía pactada. Optaron por se agochar detrás da Constitución Española e non dubidaron en tentar impedir o dereito a decidir por todos os medios até rematar no uso indiscriminado da violencia que avergoñou ao mundo o pasado domingo, como último recurso para imposibilitar o referendo e deslexitimar o seu resultado”.

Lexitimidade dos resultados

Por iso afirmou que defende a lexitimidade dos resultados dun referendo que tivo “todas as garantías legais posíbeis nun contexto onde o máis básico, como ter censo, urnas ou papeletas de votación foi unha auténtica empresa colectiva que contou con milleiros de persoas autoorganizadas, frente a unha situación de auténtico bloqueo e acoso político, institucional, xudicial e policial”.

Mobilizacións

Anunciou que acompañará o proceso que levará á independencia de Catalunya con mobilizacións. En concreto o propio día en que se emita a DUI, “para celebrar a consecución da independencia” ou, no caso de que o Estado Español persista na súa “actitude represiva” e o faga impedindo que se proclame a independencia, para condenar tal feito.

Con todo, a Plataforma lamentou “profundamente” que neste momento histórico, cando se está a dar no Parlamento Galego o debate sobre o estado da nación, que o Presidente da Galiza “non actúe como tal, prefira criminalizar o exercicio digno do dereito de autodeterminación do pobo catalán, e non reivindique ese mesmo dereito para Galiza como nación que é”. Neste sentido proclamou que “todos os pobos teñen dereito a decidir libremente o seu futuro” que Catalunya ten “dereito de autodeterminación” e que, como organizacións galegas, “acreditamos e loitamos polo dereito de autodeterminación da Galiza”.

A Plataforma Galiza con Catalunya vén desenvolvendo nas últimas semanas unha intensa actividade de apoio a este referendo. O do día 20 de setembro convocou mobilizacións para denunciar as detencións de altos cargos da Generalitat, a incautación e persecución de papeletas, cartaces e infraestrutura para o referendo. Concentracións que congregaron a varios milleiros de persoas nas sete cidades galegas. 

O pasado día 30 desenvolveu unha grande mobilización nacional polo dereito a decidir e a democracia que reuniu a máis de 6.000 persoas na capital do país. Mobilización que, segundo denunciou, “foi vergoñentamente silenciada por quen durante anos se ten dedicado a manipular a opinión pública galega”.

No propio día do referendo, á vista da violencia estatal e da represión do dereito ao voto, convocou novamente mobilizacións de urxencia que encheron as rúas galegas de indignación e solidariedade, nas que participaron varios milleiros de persoas en manifestacións en Vigo, Compostela e A Coruña e grandes concentracións tamén en Ourense, Ferrol, Pontevedra, Lugo e Burela. 

Onte mesmo, a plataforma convocou cazoladas nas cidades galegas que contaron tamén coa participación de centos de persoas.

Organizacións que compoñen a Plataforma Galiza con Catalunya

Agora Galiza; Anova-Irmandade Nacionalista; Asociación Cultural Arrulique de Vigo; Asociación Cultural Cultura do País de Lugo; Bloque Nacionalista Galego; Briga; Causa Galiza ; Ceivar ; Centro Social A Galleira de Ourense; Centro Social A Gentalha do Pichel; Centro Social Gomes Gaioso de Corunha; Centro Social O Fuscalho de Tui; Centro Social Revolta de Vigo; Centro Social Xebra de Burela; Colectivo Nacionalista de Marín; Colectivo Terra de Pontedeume; Confederación Intersindical Galega; Corrente Vermelha; En Marea; Erguer. Estudantes da Galiza; Fronte Popular Galega; Federación Rural Galega; Fundaçom Artábria; Galiza Nova; Isca!; LiGanDo; Local Social Faisca de Vigo; Mar de Lumes; Marcha Mundial das Mulheres; Movemento Galego ao Socialismo; Mulheres Nacionalistas Galegas; Partido Comunista do Povo Galego; Sindicato Labrego Galego; Unión do Povo Galego

Volver