Galiza con Catalunya demanda que se recoñezan os resultados do referendo

Salienta a lección de dignidade do pobo catalán e lembra que a autodeterminación é un dereito

Nacional -

Á vista dos acontecementos da xornada de onte en Catalunya, as diversas organizacións sociais, políticas, sindicais e culturais de Galiza que facemos parte da Plataforma Galiza con Catalunya queremos parabenizar o pobo catalán pola enorme determinación e pola lección de dignidade e civismo demostrada durante toda a xornada de votación. Máis aínda á vista de como o Estado pretendeu, por todos os medios, de impedir e deslexitimar o referendo — sen o conseguir.

As xentes de Catalunya non só mantiveron un comportamento consecuente durante toda a xornada e durante os meses previos de mobilización, senón que demostraron entender perfeitamente cal é a esencia da democracia: que, no caso de conflito entre democracia e legalidade, é esta última a que debe ser modificada, tal e como manifestou a ONU nos días previos ao 1 de outubro.

A brutalidade das actuacións da Garda Civil e da Policía española, o regueiro de persoas feridas que deixaron e as imaxes que están hoxe a escandalizar o mundo malia seren negadas polos principais axentes mediáticos non poden ficar impunes. Tampouco poden servir para argumentar que un outro goberno español tería actuado doutro xeito, porque, como foi demostrado unha e outra vez, non se dan no Estado español as condicións necesarias para o exercicio da libre determinación dos pobos.

Mais, sobre todo, do que non poden servir é de escusa para non recoñecer o resultado do referendo. Antes ao contrario. A pesar do caos que esas forzas crearon, de maneira propositada, e a pesar de que a súa operación tiña como obxectivo prioritario espallar un medo paralisador e desmobilizador e, en segundo termo, derivar na propia deslexitimación do resultado, o certo é que o pobo catalán acudiu ás urnas e as defendeu e que a práctica totalidade dos colexios funcionaron con toda a normalidade exixíbel nun clima de excepción como o instalado polo Estado.

Polo tanto, lonxe de relativizar a validez dos resultados, as vergoñentas circunstancias en que se produciron lévannos, ao contrario, a lles dar aínda unha maior lexitimidade. Se, ademais, do total de votos contabilizados, máis de 90% foron favorábeis a que Catalunya se transforme nun Estado independente en forma de República, a vontade popular está claramente definida e á vista, e só pode ser recoñecida con todas as súas consecuencias, que pasan pola próxima proclamación da República Catalá nos prazos e condicións que a lexítima representación do pobo catalán defina.

Desde Galiza, a Plataforma Galiza con Catalunya, que agrupa xa mais de trinta organizacións e que continúa a sumar incorporacións, vén desenvolvendo nas últimas semanas unha intensa actividade de apoio a este referendo. O do día 20 de setembro realizamos mobilizacións para denunciar as detencións de altos cargos da Generalitat, a incautación e persecución de papeletas, cartaces e infraestrutura para o referendo. Estas concentracións congregaron varios milleiros de persoas nas sete cidades galegas.  O día 30 unha grande mobilización nacional polo dereito a decidir e a democracia reuniu máis de 6.000 persoas na capital do país, sendo vergoñentamente silenciada por quen durante anos se ten dedicado a manipular a opinión pública galega. E no propio día do referendo, á vista da violencia estatal e da represión do dereito ao voto, novamente mobilizacións de urxencia encheron as rúas galegas de indignación e solidariedade: varios milleiros en manifestacións en Vigo, Compostela e A Coruña e grandes concentracións tamén en Ourense, Ferrol, Pontevedra, Lugo e Burela.

Esta ten sido a nosa maneira de expresar o apoio ao conxunto do pobo catalán, mais tamén de nos colocar do lado da democracia e da legalidade internacional. Fai parte, tamén, dunha axenda mobilizadora que há continuar mentres o Estado non recoñeza a evidencia e a contundencia dos resultados. O dereito a decidir, o dereito de autodeterminación e a se constituír en estados independentes é un dereito de todos os pobos, tamén do pobo galego. E Catalunya non há ser o derradeiro país a exercelo.

Galiza, 2 de outubro de 2017.

Volver