Gardacostas demandan na Xunta a súa inclusión no réxime do mar e acceso á xubilación anticipada

Concentráronse esta mañá diante da consellaría de Mar para denunciar a discriminación que sofren
Nacional - 23 Mar 2023

O colectivo de gardacostas concentrouse esta mañá diante da consellaría do Mar, na Xunta de Galiza, para denunciar a discriminación que sofren polo feito de ser funcionarios e funcionarias, reclamar a súa inclusión no réxime do mar e acceso á xubilación anticipada.

No decurso da mobilización lembraron que hai mais de 10 anos protestaban pola privatización do servizo que, se ben é certo que se ampliou con novas embarcacións e mellores medios, “comportou a incorporación de persoal auxiliar de empresas privadas”. Así, nestes momentos son unhas 250 as persoas que traballan para o servizo de gardacostas de Galiza, das que arredor de 100 son persoal funcionario.

O paradoxo é que o persoal de empresa privada co que comparten embarcación “está incluído no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores e Traballadoras do Mar, teñen asegurado o acceso á formación necesaria para traballar no mar, ou aos recoñecementos médicos e tamén poden acceder á xubilación anticipada con coeficientes redutores”, explican.

Porén, ao persoal funcionario gardacostas -sen o que o servizo non funcionaría porque se encargan da vixilancia, busca, salvamento, protección do medio mariño, loita contra o furtivismo, loita contra a contaminación mariña- se lle aplican as obrigas exixidas polo Instituto Social da Mariña (ISM) para poder embarcar pero, ao tempo, denuncian, “estamos excluídos dos dereitos que teñen os compañeiros das empresas privadas, incluíndo a exclusión á xubilación anticipada con coeficientes redutores. Cumprimos coas esixencias do réxime especial do mar, e o ISM exclúenos dos beneficios dese mesmo réxime”.

Lei de Pesca

Lembran que vai xa un ano desde que comezaron esta loita. Un ano desde que a CIG se reuniu, por primeira vez, coa consellaría do Mar para que solicitara ao ISM a inclusión do persoal gardacostas no REMAR, por similitude de ámbito laboral e funcións. “Entendiamos que de non facelo estaban a manter unha clara discriminación por razón do réxime xurídico, polo feito de ser persoal funcionario, e que o propio ISM debía resolvelo adecuadamente”, matiza, mais lamentan que “non foi así: o ISM mantivo a exclusión”.

Por iso impulsaron unha emenda á Lei de pesca para que incluíse ao persoal gardacosta no réxime especial do mar, rematando coa exclusión e protexendo a súa seguridade e saúde cando exercen as súas funcións de servizo público. “Esta emenda que promovemos recoñecía un coeficiente redutor do 0,15 para todo o persoal gardacosta que podería ser ampliado por razón das súas funcións, e con carácter retroactivo afectando a toda a vida laboral” pero “foi vetada polo Goberno do Estado español que, de non o ter feito, moi probablemente tería sido aprobada”, afirman.

Explican que alí mesmo, no Congreso, o PSOE comprometeuse directamente con nós a buscar unha solución se a Xunta instaba ao diálogo. Pero transcorridos xa tres meses e a pesares de terllo solicitado, non teñen resposta “nin da conselleira do Mar, Rosa Quintana, nin do Goberno”.

Entende que o primeiro paso tíñao que dar a conselleira, pero “nos cancelou unha xuntanza que tiñamos acordado e estamos á espera de que volva a concertar unha nova data”. Por iso hoxe concentráronse novamente, porque “non imos quedar parados, non aceptamos o silencio por resposta. Gardacostas de Galiza e CIG non levamos feito este camiño para rendermos agora.Imos a polos nosos dereitos, por un traballo seguro e por unha vellez digna”.