Grupo Banco Popular confirma a súa intención de aplicar un ERE para 2900 empregados/as no Estado

A Sección Sindical da CIG rexeita a medida e empraza a empresa a informar do plan de futuro

A Coruña -

A dirección do Grupo Banco Popular confirmaba este mércores á representación social a súa intención de aplicar unha reestruturación de persoal que afectará a 2.900 traballadores e traballadoras en todo o Estado. Unha medida de axuste que a Sección Sindical da CIG rexeita completamente.

Este mércores quedou constituída a mesa de negociacións do ERE na que estarán presentes todas as seccións sindicais con representación no grupo bancario.

Esta foi unha das demandas da Sección Sindical da CIG na xuntanza previa que mantivo a parte social e que finalmente foi aceptada polas organizacións sindicais maioritarias. Deste xeito, a CIG contará cunha representante na mesa na que se negociarán os termos do expediente, á que poderán asistir tamén dous asesores por parte da central nacionalista.

Na reunión posterior coa empresa, esta confirmou as súas intencións de aplicar un ERE para un total de 2.900 traballadores e traballadoras do Grupo. Deste colectivo, 1.800 persoas poderían acollerse ás prexubilacións voluntarias, e para as restantes 1.100 buscaríase unha saída a través de baixas voluntarias incentivadas, aínda sen concretar.

Neste senso, a Secretaria da Sección Sindical da CIG, Rosa Conde, sinalou que a empresa amosou o seu interese por ampliar o número de traballadores/as que se poidan acoller as prexubilacións voluntarias, baixando a idade de prexubilación e habilitando dentro do propio ERE un mecanismo para tal fin.

Porén, a diferenza das prexubilacións individualizadas que o banco adoita ofrecer, a empresa ábrese a estudar un mecanismo de pago alternativo -no marco do ERE- para evitar  prexuízos económicos ás traballadoras e traballadores afectados. Doutra banda, o banco tampouco concretou as porcentaxes das prexubilacións.

Outra cuestión que se abordou na xuntanza refírese ao plan organizativo que a dirección ten pensado para garantir o futuro do banco. “Esta cuestións é relevante pois descoñecemos como pensan organizar e estruturar toda a rede de oficinas cun recorte de persoal de case 3.000 persoas. Se a xustificación do ERE é dar viabilidade a entidade queremos que nos expliquen como pensan facelo”, aseverou Conde.

Neste senso, a Secretaria da Sección Sindical da CIG apunta que a empresa se comprometeu a facilitar información sobre os plan de futuro da entidade ao longo do período de negociacións, que previsibelmente comezará na segunda semana de outubro.

A respecto da concentración que o persoal acordou realizar durante a asemblea celebrada esta mesma semana a instancias da CIG, Conde informou que todas as organizacións sindicais, agás SEGRUPO, decidiron sumarse á mobilización do próximo 8 de outubro en Santiago.

Traballadores/as do Grupo Banco Popular acordan realizar unha concentración o sábado 8 de outubro en rexeitamento ao ERE

Volver