A trasnacional téxtil H&M recúa ante a presión das súas traballadoras/es
A dirección da trasnacional sueca do sector téxtil H&M cedeu finalmente á presión do seu persoal e manterá aberta a tenda de Ourense, mentres que en Vigo recolocará as empregadas/os do establecemento da rúa Príncipe. Na CIG salientan a loita “valente a incansábel” das traballadoras/es, especialmente no caso ourensán, xa que foron as primeiras/os en botarse á rúa e en convocar folga na defensa dos seus empregos.
As mobilizacións desenvolvidas en Galiza e noutras zonas do Estado serviron tanto para rebaixar o número de persoas afectadas polo ERE como para mellorar as condicións das que si se verán afectadas, pasando das 1100 iniciais a 350 en todo o territorio estatal.
Durante as negociacións -nas que a CIG non puido participar polo veto de CCOO e UGT a pesar de que a central conta con representación nas catro provincias galegas- tamén se logrou elevar as indemnizacións por despedimento até os 45 días por ano traballado para o persoal contratado antes de febreiro de 2012 e até os 33 días por ano a partir desa data.
Mais a central nacionalista estivo ao tanto de todo o proceso grazas ao sindicato vasco ELA, que si participou ao contar con máis representación.
A CIG celebra que se conseguise manter aberto o establecemento ourensán e que o persoal da tenda da rúa Príncipe de Vigo vaia ser recolocado: as 21 empregadas/os irán a un ERTE mentres non se abre outro centro de traballo. E tamén que se deixase sen efecto a modificación substancial das condicións laborais que a compañía pretendía aplicar nos establecementos que permanecerán abertos, o que supoñía un claro ataque aos dereitos dunhas traballadoras/es que coa súa capacidade de loita e determinación foron quen de facer recuar o xigante téxtil.