1-O: O día que Catalunya gañou a república a golpe de democracia

Pere Cardús - 02 Out 2017

O obxectivo do goberno español e os seus aparellos de estado era de impedir que se puidese proxectar unha imaxe de normalidade e de lexitimidade do resultado do referendo. Pero a cidadanía de Catalunya daba unha nova lección de creatividade democrática, de compromiso cívico, de espírito pacífico e de solidariedade humana

Despois dun día e medio de vixilia nos colexios do referendo de autodeterminación, miles de cataláns erguéronse onte dispostos a decidir o futuro do país. E abofé que o fixeron. A xornada, involuntariamente épica, foi a demostración máis rotunda posíbel da determinación dunha parte moi maioritaria do pobo de Catalunya de non se deixar roubar a democracia e os devezos de liberdade. Malia a violencia da policía española e a Garda Civil, que fixeron máis de oitocentos feridos coa escusa de secuestrar as urnas cheas de papeletas, a participación foi altísima e os resultados poden dar un impulso definitivo á república catalá.

Dos avisos amigos aos primeiros asaltos

A primeira hora, a iso das seis da mañá, parellas de mossos d’esquadra visitaban os colexios, protexidos por ducias de miles de cidadáns, para anunciaren que tiñan a orde de entrar en secuestrar urnas e material electoral. Porén, a gran presenza de xente impedía que o fixesen. Pouco antes da constitución e a apertura das mesas de votación, a policía española e a Garda Civil, despregados por toda Catalunya, comezaron a asaltar colexios agredindo violentamente a todo o que acudira a votar. Os primeiros asaltos foron os colexios que tiñan asignados o presidente Puigdemont, o vicepresidente Junqueras e a presidenta Forcadell. Foi especialmente violento asalto aos votantes de Sant Julià de Ramis, no colexio de Puigdemont.

Fileiras interminábeis

A alerta estendeuse por todo o país. As furgonetas da policía española e os todoterreos da Garda Civil corrían polas estradas das comarcas e as rúas das cidades, pero isto non impedía paso que a meirande parte do país votase se quería a independencia de Catalunya ou non. Unha hora antes de abriren os colexios, o portavoz do goberno, Jordi Turull, anunciara un cambio metodolóxico do censo que facía que todo o mundo puidese votar alí onde máis lle conviñese. Era un xeito de evitar que o peche á forza dun colexio impedise a participación nun sector da poboación. As longuísimas fileiras de votantes enchían as redes sociais de fotografías espectaculares. De feito, moitos votantes acabaron facendo horas de cola para poder votar, de tanta xente que fora.

Pequenos e maiores, sen distinción

Chegaban máis e máis imaxes de violencia das forzas de seguridade españolas. Avós, nenos, mozos e adultos levaban duro sen distincións. A agresión a unha conselleira do goberno -Clara Ponsatí, de Ensino-, a unha avoa, a un home que tivo un infarto e foi hospitalizado ... Os axentes armados do estado español non facían diferenzas á hora de bater a todo o que fose con papeletas nas mans e o sorriso de quen sabe que xa gaña. Logo daquel “a por ellos”, as mocadas, os empurróns, os tiróns de pelo, os estragos de portas e fiestras, e os disparos de balas de goma (prohibidas en Catalunya desde 2013) parecían unha continuación lóxica do espírito con que unha parte importante do estado español tomousa vontade democrática e pacífica dos cataláns.

A lección dos cataláns

O obxectivo do goberno español e os seus aparellos de estado era de impedir que se puidese proxectar unha imaxe de normalidade e de lexitimidade do resultado do referendo. Pero a cidadanía de Catalunya daba unha nova lección de creatividade democrática, de compromiso cívico, de espírito pacífico e de solidariedade humana. En ningún caso a estratexia do medo e a violencia -isto é, a estratexia do terror- facía retroceder o referendo, o exercicio democrático e a sintonía entre goberno, parlamento e poboación. As fileiras de votantes armados con papeletas brancas polo non ou polo si non mingou en ningún momento até o peche dos colexios, ás oito da tarde. Algúns centros de votación pecharan máis cedo preventivamente para evitar o secuestro das urnas cheas de votos e derivaban os votantes a colexios máis protexidos pola poboación.

‘A vergoña de Europa’

O portavoz Turull anunciara ao mediodía unha participación superior ao 50% do censo. Polo tanto, a atención concentrábase a última hora no anuncio de resultados, polo menos, parciais. Mentres, Rajoy decidía facer unha comparecencia de prensa -sen preguntas, como xa é habitual- para celebrar a desarticulación do referendo e a vitoria do imperio da lei, a súa lei. Nada máis lonxe da realidade. O referendo fíxose e apenas lograron alterar varios colexios.

 O relato do goberno español e os medios de comunicación que actúan ao seu abeiro desfacíase como un terrón de azucre en boca de dirixentes políticos e persoas influíntes de todo o mundo. E, sobre todo, nas páxinas e nas pantallas dos medios de comunicación máis influíntes do mundo, que a media tarde falaban da ‘a vergoña de Europa’ e da ‘violencia inxustificada’ de España contra os cataláns que querían votar. Gobernantes europeos empezaban a romper o silencio habitual e condenaban a actuación das policías españolas contra unha votación pacífica.

Pendentes do presidente

A consecuencia dunha xornada con todas estas características, a portavoz da CUP, Anna Gabriel, pedía que facer folga xeral e recordaba que a lei do referendo prevía a declaración da independencia a continuación. Á tardiña facíanse unhas cantas reunións de entidades, sindicatos, partidos e organizacións para acordar unha resposta unitaria á agresión descomunal de España. Todo o mundo esperaba especialmente a comparecencia do presidente Puigdemont para saber que conclusións tirara dun 1 de outubro en que o pobo salvara o pobo.

 Antes das palabras do presidente, Jordi Cuixart, o presidente de Òmnium, avisaba na praza de Catalunya de Barcelona que a Mesa para a Democracia chamaba á folga xeral o 3 de outubro. E valoraba que fora un día histórico do que había que estar moi orgullosos. Por outra banda, Jordi Sánchez, presidente da ANC, invitaba a continuar traballando 'para gañar a liberdade'. E avanzaba: 'Hoxe aquí, ante as urnas, e quen sabe se axiña ante o parlamento.'

Independencia

Carles Puigdemont, o presidente, saíu ás dez da noite para anunciar que pediría ao parlamento que proclamase a república catalá. Tamén fixo un chamamento á comunidade internacional a implicarse e a abandonar o silencio institucional que reinara até o de agora en Europa, aínda que xa comezara a esnaquizarse. Puigdemont agradeceu o exemplo e a actitude dos cidadáns que o fixeron posíbel, “que gañaron o dereito de ter unha Catalunya independente”'. E nomedamente, ás oitocentas persoas que foran feridas polo asalto da policía española. O parlamento ten agora a responsabilidade de cumprir o mandato da lei do referendo, gañado con suor, creatividade e moitos sorrisos por un pobo que hoxe xa camiña decidido.

 

[Tirado do sitio web catalán Vilaweb, do 2 de outubro de 2017]