10 de Marzo: Ofrenda floral en Ferrol

Como vén sendo habitual, a xornada de conmemoración do Día da Clase Obreira Galega comezou coa ofrenda floral no monumento 10 de Marzo de Ferrol. Alí o Secretario Comarcal da CIG, Manel Grandal, denunciou as consecuencias das contrarreformas aprobadas polos gobernos coa escusa da crise, que supuxeron “un severo retroceso na calidade de vida e condicións laborais da clase traballo”. 

Unhas medidas regresivas que están tendo unha especial incidencia na comarca de Ferrolterra, onde “ademais das desgarradoras cifras de emigración, por mor do volume de desemprego que estamos a padecer, entrou como un verdadeiro tsunami a reforma laboral: descolgues de convenios, horas extras sen remunerar, contratos por hora e por día, etc.”. Grandal puxo o acento no feito de que na comarca, de cada catro contratos, un faise cunha duración menor a unha semana.

“Metéronnos descaradamente a man no peto”, aseverou, ao tempo que medraron as desigualdades, a pobreza e a exclusión social. “Hoxe en día, ter traballo non chega para ter unha calidade de vida digna, ao contrario, instaurouse na nosa sociedade a pobreza laboral, intimamente ligada á precariedade laboral. O PP acadou o seu principal obxectivo: que a clase obreira traballe máis e cobre menos”.

Volver