17 de Maio, Día das Letras Galegas: Queremos vivir en galego!
A CIG chama a participar na concentración convocada para o vindeiro 17 de maio, Días das Letras Galegas, pola plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país. A mobilización terá lugar ás 12:00 horas, na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, baixo o lema ‘Queremos vivir en galego’.
Debido ás restricións sanitarias, este evento contará cunha capacidade limitada polo que a plataforma solicita a inscrición previa no seguinte enderezo web: https://www.queremosgalego.gal/. A organización distribuirá o espazo entre as primeiras persoas que se inscriban, mantendo a distancia de seguranza e cumprindo todas as medidas de seguranza sanitaria.
Queremos Galego lembra que desde decembro do 2019 até hoxe conta cun informe da ONU e dous do Consello de Europa que recollen o que vén denunciando desde hai anos: que o marco legal para o ensino non respecta a Carta Europea das Linguas, que na xustiza non se garante o uso do galego en calquera proceso ou as dificultades para a atención na administración pública.
Salienta ademais que a sociedade galega mantivo este ano a súa mobilización, con centos de iniciativas para gañar novos espazos para o galego ou evitar retrocesos noutros. Destaca, por exemplo, a Iniciativa Xabarín, que chega ao Parlamento con máis de 33.000 sinaturas para garantir a posibilidade de gozar de contidos audiovisuais en galego, nomeadamente para a infancia e a mocidade.
Neste sentido, a CIG leva anos traballando para que se solucione o problema da paulatina desaparición do galego, tanto desde a mobilización e a resposta social como desde a elaboración de propostas para saírmos da situación de emerxencia lingüística na que está o noso país, cunha perda constante de falantes que ten especial incidencia na mocidade.
O galego no ensino
A central sindical salienta que a situación é especialmente grave no ensino, onde “todos os informes e estudos realizados chegan á mesma conclusión: só o alumnado galego falante remata a etapa obrigatorio con competencia plena nas dúas linguas, galego e castelán, mentres que unha cuarta parte do alumnado castelán falante recoñece que remata sen ter a capacidade para falar en galego”.
Denuncia que as administracións levan anos lexislando para promover o progresivo abandono da nosa lingua en contra do que di a Lei de Normalización Lingüística. Chama a “recuperar a presenza do noso idioma en todos os ámbitos” e, nomeadamente, nas aulas “para que as nosas crianzas vexan recoñecido o seu dereito de vivir en galego” e para “facer reversible o que queren que sexa irreversible”.
Nesa liña, este 17 de Maio reclamaranse avances para que a administración da Xunta e do Estado atendan xa as demandas da sociedade galega e das institucións internacionais, porque “queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións. Podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo é un dereito recollido na declaración universal dos dereitos humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta europea das linguas, que para o galego aínda temos que conquistar día a día”.