Impagada a nómina de xuño a 50 traballadores/as da Xestión Integrada de Santiago

A CIG-Saúde de Compostela exixe que sexa inmediatamente abonada
Compostela - 07 Xul 2017

A CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar que a máis de 50 traballadores/as enfermeiros/as e médicos/as de atención primaria, na súa maioría en praza vacante dende o 16 de maio, non se lles vai facer efectiva a nómina do mes de xuño até finais de xullo.

A CIG-Saúde de Compostela amosa a súa indignación pola resposta recibida por algún traballador/a ao que lle contestaron, ao preguntar polo impago, que “non pode pagarse por axuste orzamentario”.

Unha desculpa que cualifican de “curiosa” cando o propio Presidente da Xunta asegurou que a crise en Galiza quedaba atrás e que o persoal funcionario ía recuperar, na nómina do mes de xuño, as retribucións perdidas.

Fronte a isto denuncian que lonxe de materializarse esa promesa “só recuperamos parte das nóminas; a recuperación non é con carácter retroactivo e que no SERGAS hai traballadores/as que non son previamente informados/as do impago, así como a representación sindical”.

A indignación da CIG-Saúde chega ao punto de preguntarse se esas prazas de interinos “foron dadas coma voluntarios de unha ONG ou se o SERGAS está tan en bancarrota, como para non dispoñer dos cartos que precisa para pagar as nóminas do mes de xuño”.

Aseguran ademais que “non existen razóns claras nin fundamentadas para que ditos traballadores/as non cobren dita nómina” e exixen o seu inmediato pagamento.