O persoal de Industrias Losán advirte que a ameaza de perder 150 empregos “é un golpe directo ao corazón económico do rural”
Coincidindo cunha das datas máis sinaladas do calendario local, o día de feira en Curtis, un grupo de traballadores e traballadoras de Industrias Losán concentráronse para alertar a veciñanza e o tecido económico do impacto que suporía a perda de 150 empregos entre os concellos de Curtis e Vilasantar.
“A feira de Curtis, que se celebra os días 9 e 23 de cada mes, é moito máis ca un mercado, é o motor económico e social da comarca, un punto de encontro que dinamiza o comercio local e atrae centos de persoas dos concellos limítrofes”, subliñaron dende o comité. Por iso, aproveitaron para facer visíbel nun espazo simbólico o que consideran unha ameaza real, o desmantelamento industrial no rural.
“Moitos dos traballadores e traballadoras somos veciños e veciñas destes concellos. Vivimos aquí, consumimos aquí e sustentamos co noso traballo o comercio local. A perda destes empregos tería consecuencias directas en toda a economía da zona”, incidiron.
Ademais, advirten de que o peche das fábricas obrigaría a moitas familias a buscar emprego fóra, afastándose do seu entorno e debilitando aínda máis o tecido social e económico local.
Apoio da Corporación local de Curtis
No último pleno ordinario celebrado o pasado 17 de abril, o comité trasladou á Corporación municipal a necesidade urxente de constituír unha mesa de negociación coa participación de todas as partes implicadas: SEPI, Consellería de Industria, empresa, concellos de Curtis e Vilasantar e os comités de empresa. A proposta foi aprobada por unanimidade, así como o apoio institucional á mobilización deste xoves.