Inícianse os EREs no Grupo Popular Pastor e Banco Santander que afectarán a 2.160 persoas

A CIG convoca unha mobilización para o 14 de novembro na Coruña
A Coruña - 08 Nov 2017

O vindeiro 16 de novembro iniciarase o período de consultas dos Expedientes de Despedimento Colectivo no Grupo Popular-Pastor e no Banco Santander coa previsión de que se apliquen os despedimentos en xaneiro. A día de hoxe, segundo informan as seccións sindicais da CIG de ambas as entidades, a dirección só facilitou datos xenéricos, sen que se saiba a cantas persoas afecta por banco e centro de traballo. Diante disto, a CIG convoca para o vindeiro martes, día 14 de novembro, unha mobilización, ás 11:30 horas, no Cantón da Coruña para protestar contra estes dous Expedientes de Despedimento Colectivo.

Polo momento, só se sabe que en total serán 1.585 despedimentos e que 575 persoas do Popular pasarán a subcontratas e que os centros galegos afectados do Popular serán o Cantón, Beiramar (Orillamar) e Santiago (Praza de Vigo). No caso do Santander, afecta aos centros de Durán Loriga e tamén do Cantón. Pero a Dirección non deu máis datos.

As seccións sindicais da CIG defenden a posición que viñan mantendo e que conta en Galiza cun amplo respaldo e consenso social e político xa que foi, de feito, aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego.

Vinculación social da entidade

Subliñan ademais que malia atravesar un período convulso a clientela do Banco Pastor demostrou a súa fidelidade, en maior medida mesmo que a clientela procedente do Popular. Salientan que existe unha vinculación social e ao territorio que en si mesma é positiva dende o punto de vista comercial.

Por iso reclaman da Dirección do Grupo Santander unha posición clara a este respecto, xa que o mantemento do Banco Pastor sería a opción que minimizaría o impacto laboral da reestruturación que se pretende abordar por fases.

“Como sindicato rexeitamos o proceso de centralización do sistema financeiro impulsado dende o Goberno Central, que ten un claro impacto sobre o emprego a nivel galego, nas redes de servizo á clientela, pero especialmente nos Servizos Centrais”, subliñan.

Proceso de centralización

Xunto a isto demandan da Dirección do Grupo Santander que, cando menos, respecten os compromisos da antiga Dirección do Popular e que se manteñan na Coruña parte dos Servizos Centrais e das empresas auxiliares. “Dixeron que temporalmente non pecharán os centros da Coruña, pero si que poden ser subcontratados”, lembran.

Por iso advirten que se a Dirección decide finalmente centralizar en Madrid, será a responsábel da destrución de 500 postos de traballo na Coruña, cando non hai ningún tipo de impedimento técnico para que os servizos centrais e as empresas auxiliares sen manteñan aquí. “O centralismo destrúe emprego e non aceptaremos unha decisión política e económica que prexudica claramente a Galiza”.

Mantemento dos postos de traballo

As seccións sindicais do Popular-Pastor e do Santander manifestan ademais o seu desacordo coa intención da empresa de aplicar dous Expedientes de Despedimento Colectivo: un para o Santander por causas organizativas e un para o Grupo Popular por causas económicas, nos que se poderían pactar condicións diferentes.

Entende que esta estratexia pode dificultar o mantemento de postos de traballo e a aplicación de medidas non traumáticas, tendo en conta que o Grupo Popular xa sufriu un ERE e que, polo tanto, o persoal en idade de prexubilación é menor que no Santander.

Sinalan que a CIG propuxo un Plan non traumático que permita a saída de persoal mediante prexubilacións e recolocar persoal de Servizos Centrais nas redes comerciais, pero “a Dirección oponse, coma sempre advertimos, cando ademais, as oficinas están escasas de persoal e se realizan milleiros e milleiros de horas extras ilegais debido aos crecentes obxectivos comerciais”.