Iníciase o peche indefinido no Concello de Cee contra a venda das centrais

Os/as traballadores/as chaman á cidadanía da comarca a participar nas concentracións que se realizarán a diario entre as 18:30 e 19:30 horas

Cee -

Nun salón de plenos ateigado, o Comité de Ferroatlántica e representantes sindicais anunciaban o inicio dun peche indefinido no Concello de Cee. Unha acción que estará acompañada de concentracións diarias entre as 18:30 e as 19:30 horas e coa que se pretende por unha banda esixir ao Presidente da Xunta que reciba á representación social e doutra demostrar á empresa o rexeitamento unánime da comarca á venda das centrais hidroeléctricas.

Alén dos delegados da CIG no Comité de Ferroatlántica, no peche tamén participan o Secretario Confederal de Organización, Paulo Carril, e o responsábel da Unión Local da CIG de Cee, Xabier Santos. Ademais, membros da central nacionalista acudirán cada día a arroupar aos compañeiros e compañeiras tanto no peche como nas concentracións.

Así, está previsto que na xornada de mañá, martes día 22, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, se sume á protesta da tarde diante da Casa do Concello de Cee.

O silencio cómplice da Xunta

Con esta nova acción reivindicativa, os traballadores e traballadoras queren demandar ao Presidente da Xunta que atenda "dunha vez" a solicitude reunión cursada polo Comité e cumpra coa legalidade vixente desautorizando a segregación das actividades enerxéticas e de ferroaleacións e, polo tanto, impedindo a venda das centrais hidroeléctricas.

Cada minuto que a Xunta permanece en silencio,  dálle azos á empresa para seguir coa venda"

 "Cada minuto que a Xunta permanece en silencio,  estalle dando azos á empresa para seguir con esta operación. Temos que lograr que a Xunta diga claramente que non se poden vender as centrais e por outro lado, temos que presionar a Ferroatlántica para que cese de vez nas súas intencións", aseveraba Paulo Carril ao inicio do encerro.  

A este respecto, Xabier Santos acusaba á Xunta de converterse coa súa actitude ambigua en "cómplice" da empresa, censurando que "mentres o PP na comarca se coloca detrás da pancarta contra a vendas das centrais, o PP na Xunta actúa como verdugo desta bisbarra".

Engadíao  Secretario Confederal de Organización da CIG que, con este peche, quérese demostrar que a reivindicación contra a venda das centrais "non remata nos muros das fábricas, senón que o sentir común de toda a comarca", nunha semana decisiva, xa que previsibelmente a empresa presentará o contrato de preventa nos vindeiros días.

"Nada mudou que permita autorizar a segregación"

Os cambios administrativos dos fluxos do sistema eléctrico non amparan esta operacion especulativa"

 Neste senso, Alfonzo Mouzo, delegado da CIG, lanzaba un chamamento a toda a cidadanía para que se sumen ás protestas e "manifestar o noso rexeitamento unánime á venda". Unha operación especulativa, "que suporía a ruína da comarca"  e que, lembrou, o Grupo Villar Mir xa tentara consumar no ano 1992, cando adquiriu o complexo industrial e as plantas hidroeléctricas.

Daquela foi o Parlamento de Galiza, nunha decisión posteriormente ratificada polos tribunais de xustiza, quen impediu a separación de actividades, coa finalidade de salvagardar o interese público da explotación dos nosos recursos naturais. "Nada mudou dende entón que permita autorizar a segregación das actividades", aseverou Mouzo, "nin os cambios administrativos dos fluxos do sistema eléctrico amparan as pretensións da empresa, nin a suposta repercusión da venda na comarca xustifican esta operación".

Volver