Intensifícanse as protestas para esixir a readmisión do despedido en Abanca por informar da venda de produtos complexos

A CIG desenvolveu dúas concentracións en Ourense e anuncia unha nova mobilización este xoves 26

Vigo -

A CIG, co apoio de CCOO, desenvolveu dúas concentracións nunha oficina de Abanca en Ourense os días 20 e 24 de maio para reclamar a readmisión dun traballador despedido por querer informar ao persoal dos riscos que supón a comercialización de produtos complexos á clientela. A central anuncia unha nova mobilización para o vindeiro xoves 26.

As dúas protestas, promovidas pola sección sindical da CIG en Abanca, desenvolvéronse ás portas da oficina da entidade financeira na rúa Cardenal Quiroga de Ourense. As mobilizacións, nas que tamén participou a sección sindical de CCOO na empresa, foron convocadas para reclamar a readmisión dun traballador inxustamente despedido tras recibir instrucións contraditorias.

“Por unha parte se lle instou a informar ao persoal das oficinas sobre a lexislación vixente na venda de fondos de investimentos, que son produtos financeiros de risco; pero por outra parte a súa superior directa da área comercial esixiulle que simplificase as explicacións para non prexudicar a venda de fondos á clientela”, explican.

Para a CIG-Abanca este despedimento é un claro exemplo da actuación comercial das entidades financeiras. Por unha parte os traballadores/as reciben presións e son acosados/as para colocar produtos financeiros que a clientela non demanda e sen ter coñecementos dos produtos; e por outra os bancos tratan de despexar responsabilidades ante unha posíbel mala colocación do produto trasladándoas aos empregados/as.

Ademais, lembran que este despedimento non é un caso aillado, xa que Abanca utiliza todas as modalidades de despedimento posíbeis. “Ten abertos dous Expedentes Colectivos, e os supostos despedimentos disciplinarios son constantes e arbitrarios”, critican. Diante disto, a CIG ten convocada unha nova concentración para este xoves 26 que conta novamente co apoio de CCOO, ao tempo que prepara novas mobilizacións.

Volver