Inundación no xulgado número 1 de Corcubión

O sector de Xustiza da CIG leva anos denunciando o abandono e mal estado do edificio xudicial
Corcubión - 21 Dec 2016

O  xulgado número 1 de Corcubión sufriu este mércores unha inundación a causa das pingueiras procedentes do segundo andar do edificio. A CIG leva anos denunciando abandono e o mal estado no que se atopa o edificio xudicial, así como o desleixo e inacción por parte da Xunta de Galiza e o Concello de Corcubión, que non teñen adoptado ningún tipo de medida para atallar estas deficiencias.

As roturas nas tuberías son habituais e finalmente hoxe produciuse unha inundación nas instalacións, nas que ademais se tiñan que realizar xuízos. Desta volta, a auga escorregaba mesmo por riba das cámaras de seguridade, empapando o falso teito da estancia.

Os traballadores e traballadoras tiveron que baldear auga con caldeiros e papeleiras, pór panos e papeis no chan e apagar as regretas e equipos electrónicos e informáticos por temor a que se viran afectados pola auga.

Ademais, o edificio presenta focos importantes de humidade nas paredes que provocan provocar o desprendemento constante da pintura e constitúen unha ameaza para a saúde dos e das traballadoras.

Desde o Sector de Xustiza da CIG reclaman á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta que acometa as reformas necesarias de xeito urxente para evitar que se repitan situacións como a deste mércores e eliminar os focos de humidade, condensación e vibracións do edificio.