Italia: Suicidio da esquerda, auxe do fascismo, caos

Samir Amin -

Sen dúbida o perigo fascista pode hoxe parecer aínda incapaz de ameazar a orde “democrática” en Estados Unidos e en Europa, polo menos ao oeste do antigo “telón”. A colusión entre as dereitas parlamentarias clásicas e as social-liberais fai aínda inútil para o dominio do capital o recurso aos servizos das extremas dereitas que se sitúan nos bloques históricos fascistas

  1. As eleccións italianas de marzo de 2018 abren un período caótico a saída do cal permanece incerta. O país, que hai poucos anos era coñecido por ser un dos máis “eurófilos” é agora “euroescéptico” nun 50% ou máis; a extrema dereita, abertamente nostálxica do fascismo regresou con forza, e a dereita parlamentaria clásica imaxina sen dificultade a súa alianza con ela (como en Austria, por exemplo); o “populismo” (neste caso o Movemento 5 Estrelas) caracterízase por unha confusión sen precedentes que impide saber cal é o seu verdadeiro programa, se é que ten algún; a esquerda está claramente en devalo.

 As explicacións dadas polos medios de comunicación dominantes poñen o acento na cuestión da afluencia de inmigrantes. Sen facerse preguntas sobre os motivos desta afluencia (os estragos causados polas políticas do neoliberalismo en África e en Oriente Medio), estes medios de comunicación recoñecen a responsabilidade de Europa, que abandonou os países que, pola súa situación xeográfica (Italia, Grecia e o Estado español), están en primeira liña fronte a esta afluencia. E pouco máis. Alúdese ás veces ás miserias producidas pola política económica italiana (pero unha vez máis sen cuestionar os dogmas liberais). Mesmo cando estas explicacións poderían parecer correctas nunha primeira lectura, seguen sendo pouco convincentes. A análise da catástrofe esixe unha volta atrás máis seria.

  1. A existencia mesma de Italia é recente. A unidade formal realizada no século XIX foi pouco máis que a conquista da península por parte da monarquía de Turín, conquista que foi posíbel tanto pola conxuntura europea da época como polo movemento do risorgimento, e ao prezo duns cantos compromisos fatais coas clases dirixentes tradicionais das provincias (sobre o modelo do gattopardo siciliano: que todo mude para que nada mude). Non logrou convencer de todo os pobos da península, que probabelmente seguiron máis apegados á súa provincia que ao Estado unitario. Un sentimento cívico nacional pouco desenvolvido que se cadra atopa a súa explicación no feito de que sendo os amos dos Estados italianos moi frecuentemente estranxeiros, os pobos afectados non vían neles máis que uns adversarios aos que había que enganar tanto como fose posíbel. Esta debilidade articúlase hoxe coa urxencia dun populismo que se alimenta do ascenso á superficie do fondo fascista.

 A guerra de 1915 a 1918 non fixo progresar un sentimento nacional real, mali os discursos que se fixeron respecto diso. Todo o contrario; a guerra agudizou os conflitos sociais, marcados polo nacemento precoz dun partido comunista forte e pola reacción das clases dominantes, que se inventaron o fascismo nun país capitalista de segunda fila. A Italia de Mussolini é o exemplo por excelencia, por comparación cos fascismos alemán (o nazismo) e xaponés, expresión das potencias capitalistas dominantes ou que aspiraban a selo.

 O musolinismo -o inventor do fascismo (nome incluído)- foi a resposta que a dereita italiana (antigas aristocracias, novas burguesías, clases medias) deu á crise dos anos 1920 e ao perigo comunista nacente. Pero nin o capitalismo italiano nin o seu instrumento político, o fascismo musoliniano, tiñan a ambición de dominar Europa, e moito menos o mundo. E malia as fanfurriñadas do Duce sobre a reconstrución do Imperio romano (!), Mussolini sabía perfectamente que a estabilidade do seu sistema se baseaba na súa alianza -en calidade de segundo subalterno- ben da Gran Bretaña -dona do Mediterráneo- ben da Alemaña nazi; e esta indecisión perdurou até a vixilia mesma da Segunda Guerra Mundial.

 O musolinismo intentou de todos os xeitos reducir a amplitude dos provincianismos e substituílos por un novo nacionalismo italiano, nomeadamente mediante o seu combate contra os dialectos en favor do italiano. A catástrofe militar está na orixe do colapso da ilusión deste modelo de fascismo de segunda. Simultaneamente, tanto en Italia como en Francia, a liberación en tempos da segunda guerra fora case unha guerra civil. Debido a iso, os fascistas víronse obrigados a agocharse durante os decenios que seguiron a 1945 sen ter endexamais desaparecido de todo. Máis tarde, a economía do país, malia o “milagre” que garantira aos italianos até a chegada da crise actual un bo nivel de vida, seguiu sendo fráxil. O devandito milagre está igualmente na orixe da opción europea sen reservas que conquistou todo o espazo político italiano para se converter finalmente no principal responsábel da vía sen saída na que se meteu o país.

  1. Os éxitos do Partido Comunista Italiano da posguerra están na orixe dos fortes avances na construción por vez primeira dunha sociedade italiana auténtica e unificada (máis aló, por suposto, dos conflitos de clase propios do capitalismo, tanto en Italia como noutras partes). Togliatti primeiro e Berlinguer despois construíron os seus avances coa maior lucidez. O poder do movemento era suficiente para influír de certo xeito no Estado de “centroesquerda” da época, malia o encerro do PCI sobre si mesmo. O PCI foi o que construíu verdadeiramente a Italia moderna, impregnándoa en profundidade da súa cultura. Só tivo que compartir o monopolio co catolicismo dominado por unha Igrexa que entón sabía encubrir o seu proxecto reaccionario tras o que se agochaban os nostálxicos do fascismo. O partido demócrata-cristián cumpría esta función. Esta páxina da historia italiana xa pasou.

 O verdadeiro suicidio do comunismo italiano, inaugurado polos sucesores de Berlinguer e proseguido con tenacidade até hoxe mesmo, está na orixe da desfeita e o caos contemporáneos. As distancias tomadas axiña polos comunistas italianos con respecto á ditadura de Moscova  non estaban destinadas por natureza a producir unha posterior deriva á dereita. Ao contrario: poderían ser a fonte dunha renovación radical na medida en que Italia se propulsara por un momento ao centro da reflexión e da acción críticas a partir do “longo 1968” da década de 1970. Mais os maoístas italianos fracasaron: non chegaron a contribuír á radicalización do movemento comunista no seu conxunto. Si contribuíron, pola contra, a dar unha lexitimidade aparente ao desprazamento á dereita, traducido naquela época nos termos do chamado “eurocomunismo”, tras o cal se agochaba unha identificación co liberalismo.

 Sen dúbida o perigo fascista pode hoxe parecer aínda incapaz de ameazar a orde “democrática” en Estados Unidos e en Europa, polo menos ao oeste do antigo “telón”. A colusión entre as dereitas parlamentarias clásicas e as social-liberais fai aínda inútil para o dominio do capital o recurso aos servizos das extremas dereitas que se sitúan nos bloques históricos fascistas. De todos os xeitos, o ascenso das loitas populares podería moi ben convencer a clase dominante da necesidade de recorrer aos servizos dos fascistas, como xa o fixo no pasado. Os éxitos electorais da extrema dereita ao longo da última década deben ser motivo de desacougo. Tamén os pobos europeos son efectivamente vítimas do actual despregamento do capitalismo dos monopolios xeneralizados. Compréndese entón que, confrontados á colusión entre a dereita parlamentaria chamada democrática e a esquerda chamada socialista, se refuxien na abstención electoral, na confusión ou no voto á extrema dereita. A responsabilidade da esquerda potencialmente radical é neste caso importante, pois si tivese a audacia de propoñer avances reais máis aló do capitalismo establecido, conseguiría a credibilidade que lle falta. As esquerdas radicais audaces son necesarias para dar aos movementos de protesta e ás loitas defensivas en curso, sempre excesivamente fragmentadas, a coherencia que lles falta. O “movemento” podería inverter entón as relacións de forza sociais a favor das clases populares e facer posíbeis avances progresistas.

 Na situación actual, os éxitos electorais da extrema dereita véñenlle efectivamente moi ben ao capitalismo establecido. Permiten aos medios de comunicación meter no mesmo saco do oprobio “os populistas da extrema dereita e os da extrema esquerda”, facendo esquecer deste xeito que os primeiros son pro-capitalistas (como demostra a cualificación que eles mesmos se dan de extrema dereita ) e polo tanto posíbeis aliados, mentres que os segundos son os únicos adversarios potenciais perigosos do sistema de poder do capital.

 Vemos, mutatis mutandis, conxunturas análogas en Estados Unidos, malia que a súa extrema dereita nunca se cualificou de fascista. O maccarthismo onte, os fanáticos dos Tea Party e os partidarios da guerra (Hilary Clinton ou Donald Trump) defenden hoxe abertamente as “liberdades” -entendidas exclusivamente como as dos propietarios e as dos xestores do capital dos monopolios- contra o “Estado”, sospeitoso de ceder ás demandas das vítimas do sistema.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 12 de marzo de 2018]

Volver