“Levamos 44 días en folga e imos seguir loitando polos nosos dereitos"

CIG-Xustiza insta a Xunta a presentar unha oferta sensata “porque a que hai ao persoal non lle vale”

Nacional -

Na xornada do mércores, as traballadoras e traballadores de Xustiza decidiron autorizar ao comité de folga a flexibilizar as demandas sobre a suba do Complemento Autonómico Transitorio nas negociacións coa Xunta. Pero esta decisión non supón un abandono da folga nin das medidas de presión nin tampouco das reivindicacións, nin moito menos asumir a proposta do Executivo autonómico. "Levamos 44 días en folga e imos seguir pelexando polos nosos dereitos", subliña o secretario nacional da CIG-Xustiza, Xesús H. Sánchez.

Na consulta realizada onte, matiza, preguntóuselle ao persoal se permitía ao comité de folga negociar o tope mínimo de 190 euros na demanda da suba do CAT. "Unha cifra que estableceran as propias asembleas de traballadores e traballadoras", subliña. Neste senso, Óscar Freixedo, representante da CIG na mesa de negociación, recalca que o resultado da votación deixa liberdade para negociar “pero apelando á responsabilidade, non rebaixando a calquera prezo. Non é un cheque en branco, é un apoio a continuar na loita, un voto de confianza para que negociemos con responsabilidade, pero en ningún caso supón un respaldo á última oferta da Xunta, que xa dixemos que non nos vale”, asevera.

O comité empraza a Xunta a negociar o próximo luns

Para o vindeiro luns, o comité de folga acordou emprazar a Xunta para seguir negociando. “Acudiremos coa vontade negociadora que tivemos dende o primeiro momento, por iso agardamos que a administración compareza con ánimo similar e poña enriba da mesa unha nova oferta que sexa sensata e que permita avanzar un acordo, porque iso foi o que trasladou onte o persoal na votación”, subliña Freixedo. E matiza, os traballadores e traballadoras demandan unha suba lineal, non por corpos como pretende a Xunta.

Engade tamén que, alén da cuestión económica, a plataforma reivindicativa ten catro puntos para os que “aínda quedan moitos aspectos por pechar para poder chegar a un acordo”.

Neste senso, Xesús Sánchez defende que o resultado da consulta avala a liña de negociación seguida até o de agora polo comité, “que en todo momento informou e someteu a decisión das asembleas o tratado nas reunións coa Administración”.

A folga é un éxito indiscutíbel

Sánchez quere facer esta aclaración para desmentir as afirmacións da Xunta, que nada máis coñecer o resultado da votación emitiu un comunicado acusando ao comité de actuar de costas ao persoal. “Nada máis lonxe da realidade, e así o demostra o seguimento que está tendo a folga. Ou alguén pode crer que se o comité obrara pola súa conta, sen o apoio das/os traballadoras/es, poderíase soster unha folga durante 44 días?", cuestiona. “Son as traballadoras e os traballadores quen están tirando para adiante coa folga e sostendo as mobilizacións que se fan a diario”.

E que mellor demostración da veracidade destas palabras, insiste, que o interese da Xunta para desacreditar esta loita e a lexitimidade dos/as representantes na mesa de negociación. "A folga é un éxito indiscutíbel, lévao sendo dende o primeiro día. O Goberno galego non contaba con isto, porque este é un sector pouco dado a mobilizarse, e o pulso firme e decidido que estamos mantendo era algo que a Xunta non se esperaba".

De aí, engade, o esforzo da Administración do PP por desacreditar esta folga. "Comezaron por ningunearnos, despois pretenderon presentarnos como traballadores/as privilexiados/as e até nos emprazaron a emigrar se non estabamos a gusto, utilizando os medios que servilmente se prestan a facerlle o xogo, para tentar desprestixiar as nosas demandas. Pero cada ataque dános máis forzas e razóns para seguir pelexando".

Entre 2013 e 2016 o persoal sufriu severos recortes nos salarios

Sobre a plataforma reivindicativa, o responsábel de Xustiza da CIG destacou que a demanda inicial na suba do CAT (a parte da nómina que abona a Consellaría) eran 225 euros lineais para todos os corpos. Esta cantidade, matiza, nin sequera chega para cubrir o recorte salarial aplicado a este persoal entre os anos 2013 e 2016, que en función do corpo ao que se pertenza, supuxo unha perda retributiva de entre 3.400 e 10.000 euros. Cantidades que a Xunta non mencionou nin unha soa vez nos seus comunicados públicos. Ademais, lembra Sánchez, o CAT do persoal de Xustiza de Galiza é o segundo máis baixo entre as comunidades coas competencias transferidas.

“Dende o primeiro momento, a Xunta cerrouse a analizar a nosa proposta, e iso que propuxemos unha suba gradual en varios anos. Pero a resposta foi insultar, tentar desacreditarnos, desgastarnos e buscar rachar a folga propondo incrementos non lineais, que nin sequera nos aclaran cando e en que cantidade se comezarían a percibir”, critica. Algo que contrasta coas subas pactadas noutras comunidades, onde o persoal non tivo que ir nin un so día a folga para acadar incrementos superiores aos formulados pola Xunta, que ademais non se cobrarían na súa totalidade até o ano 2020.

A Xunta sostén unha actitude similar a respecto dos outros puntos da plataforma, ficando clara a pouca vontade negociadora e o escaso interese por un servizo público do que é responsábel. “Non nos deixan máis saída que seguir pelexando polos nosos dereitos, todo o que consigamos será grazas ao esforzo, a loita e a valentía das traballadoras e dos traballadores de Xustiza”, conclúe.

Volver