Logo de 25 anos, o metal da provincia da Coruña vai á folga este xoves por un convenio digno

Coincidindo co paro, haberá mobilizacións ás 12:00 horas na Coruña, Ferrol e Santiago
Nacional - 21 Xun 2017

O metal da provincia da Coruña irá á folga este xoves 22 de xuño, en defensa dun convenio digno e con dereitos. Unha xornada "histórica" por canto hai 25 anos que non se convocaba folga xeral nos centros de traballo rexidos polo convenio de siderometal  -que regula as condicións laborais duns 18.000 traballadores e traballadoras en toda a provincia-.

Para preparar esta folga (convocada por CIG, CCOO e UGT), ao longo destas últimas semanas realizáronse ducias de asembleas de traballadores/as por toda a provincia para explicar os motivos da mesma e organizar o desenvolvemento do paro cos seus e as súas protagonistas. Nestas asembleas tense detectado un claro apoio do persoal á folga.

Para a xornada de folga (que comeza ás 22:00 horas do mércores e remata á media noite do xoves), está previsto o despregue de piquetes informativos nos principais polígonos da provincia entre as seis e as sete da mañá. Porén, nalgunhas comarcas como Ferrolterra, a actividade dos piquetes iniciarase xa nesta noite, logo de coñecerse que hai empresas que pretenden adiantar a entrada das quendas de traballo.

Para dar máis visibilidade ao conflito, ás 12:00 horas haberá mobilizacións nos seguintes puntos:

  • A Coruña: concentración diante da sede da patronal (Praza de Luís Seoane).
  • Ferrol: manifestación con saída na Praza de España, á que se sumará o persoal de Navantia.
  • Santiago: manifestación dende o Polígono do Tambre pola estrada da Coruña cara San Caetano.