Maessa Naval recúa e readmite os tres traballadores despedidos tras secundar a folga

Ferrol - 15 Feb 2024

A CIG-Industria de Ferrol informa da readmisión dos tres despedidos por Maessa Naval S.L.U en represalia por secundar a folga convocada para demandar a negociación dun calendario laboral digno e por ter participado nunha concentración que polo mesmo motivo se desenvolveu ás portas do estaleiro de Navantia.

Con esta decisión, que a empresa xustificou dicindo que non superaran o período de proba, o que pretendía en realidade era "amedrentar e desmobilizar o seu persoal". Diante disto, a comisión de auxiliares do comité de Navantia Ferrol e da CIG advertiu que "se a empresa mantiña os despedimentos íase atopar cunha intensificación das mobilizacións".

Aínda que esta intervención fixo recuar a dirección de Maessa nos estaleiros da Ría de Ferrol, a CIG-Industria reitera que "non imos permitir que Maessa nin ningunha outra empresa tome represalias  de ningún tipo  contra o seu persoal".

Así as cousas, o persoal de Maessa continúa mobilizándose a prol dun calendario laboral digno polo que "dende a CIG Industria de Ferrol estaremos apoiándoo e vixiando para que non se vulneren os seus dereitos fundamentais".