"Máis contratacións e menos explotación"

CIG-Servizos continúa en Ferrol as mobilizacións para esixir un reforzo de persoal no comercio de alimentación
Ferrol - 16 Dec 2020

A CIG-Servizos continuou este mércores co calendario de mobilizacións para esixir das empresas de comercio de alimentación que reforcen os cadros de persoal para poder facer fronte á enorme carga de traballo que se rexistra nos supermercados dende o inicio da pandemia. Unha carga que se ve incrementada agora con motivo das compras do nadal e que afonda na precariedade laboral que xa se viña arrastrando no sector.

Desta volta as protestas trasladáronse á comarca de Ferrol, onde  delegadas e delegados da CIG no sector fixeron concentracións e repartos de follas informativas diante dos supermercados Gadis e Froiz de Caranza, dos Mercadona e Eroski da Gándara e mais do Lidl da Avda. Nicasio Pérez.

O calendario de mobilizacións (que arrancou a pasada semana na Coruña) continuará o vindeiro martes, 22 de decembro, cunha rolda de concentracións por varios supermercados da comarca de Compostela.

A CIG-Servizos quere denunciar con estas medidas de presións que as empresas, a pesar de estar batendo récord de vendas e de que as traballadoras e traballadores do sector teñen consideración de esenciais, non contratan máis persoal para poder atender unha sobrecarga de traballo que xa se converteu en insoportábel. "Escamotean a contratación de persoal só para seguir acumulando maior ganancia e aproveitarse da emerxencia sanitaria".

De feito, advirten que as empresas do comercio de alimentación están aplicando os protocolos de protección da maneira máis económica, mesmo ocultando casos "e entorpecendo todo o que poden a concesión de corentenas preventivas". CIG-Servizos subliña que as traballadoras e traballadores do sector teñen cinco veces máis posibilidades de contaxiarse de Covid-19 pola contacto continuado coa clientela e ademais os aforos dos establecementos desbórdanse continuamente "e as empresas non fan absolutamente nada por solucionalo".

Xunto a isto, denuncian que se están realizando xornadas infinitas, con horarios alterados constantemente, descansos moitas veces inexistentes e soportando o brutal incremento do volume de funcións, sen recibir ningunha compensación a cambio, nin económica nin en tempo de descanso.

Por un convenio digno

Con estas mobilizacións tamén se quere reivindicar un convenio de alimentación digno e que recolla melloras salariais e laborais, posto que no novo convenio provincial, a patronal negouse a introducir ningunha mellora nas categorías e grupos profesionais, establecer descansos de fin de semana reais, establecer xornadas continuadas, rebaixar a xornada anula, reforzar a contratación indefinida, mellorar as vacacións ou incluír melloras salariais dignas de tal nome.

Para a negociación deste convenio, polo que se rexen grandes empresas como Gadis ou Froiz, acordárase unha plataforma reivindicativa conxunta que finalmente UGT e USO abandonaron para asumir a proposta da patronal.