Máis de 1.000 bombeiros/as forestais, vixilantes, emisoristas e operadores irán ao paro entre hoxe e o 30 de novembro

O persoal do SPDCIF mobilizouse polo aumento do tempo de traballo e un servizo 100% público e único
Nacional - 31 Out 2018

Un total de 436 empregadas e empregados públicos con contratos en precario de carácter fixo descontinuo remataron este mércores o seu período de actividade no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta de Galiza. Dentro dun mes, o 30 de novembro, esta medida afectará a outros 610 traballadores/as públicos/as. Por iso se mobilizaron esta mañá, diante da consellaría de Medio rural, en demanda do aumento do tempo de traballo do persoal fixo discontinuo de 3 a 9 meses; pola eliminación da precariedade laboral; pola recuperación dos dereitos laborais suspendidos e por un servizo 100% público e único.

Con esta mobilización, convocada pola CIG, CCOO, CSIF e UGT, denunciaron ademais o desmantelamento iniciado pola consellaría dirixida por José González Vázquez, que supón unha redución de máis do 50% dos efectivos dispoñibles na prevención e extinción de incendios forestais. En concreto, máis de 1.000 Bombeiros Forestais, Vixilantes, Emisoristas e operadores serán enviados ó paro entre o 31 de outubro e o 30 de novembro.

As catro organizacións sindicais cualifican de “irresponsábel” este redución dos efectivos dispoñíbeis no servizo de emerxencias, máis cando se fai tan só un ano despois da vaga de lumes que sufriu Galicia no ano 2017 e que, en poucos días, queimou miles de hectáreas. “Incendios de outono ou primavera, e mesmo inverno, que non son un fenómeno illado, pois temos como exemplo o acontecido en outubro de 2011 e marzo do 2012, e en condicións adversas poden converterse en lumes descontrolados”.

Rematar coa precariedade laboral

Reclaman ademais rematar coa precariedade laboral que sofre unha parte do persoal empregado público do SPDCIF e exixen un redimensionamento do número de efectivos que garanta a prestación efectiva de servicios o longo de todo o año para a totalidade dos seus traballadores.

Cambio de modelo

Xunto a isto reivindican un urxente cambio de modelo no dispositivo do SPDCIF, apostando por un servicio 100% público no que “a administración preste directamente e sen intermediarios os servicios de prevención e extinción de incendios”. Neste sentido afirman que é necesario que “o 100% dás contratacións, do operativo, se realicen directamente” a través das listas de contratación ao abeiro do decreto que regula o procedemento na Administración Autonómica.

Recuperación de dereitos “roubados”

Asemade, exixen a recuperación dos dereitos laborais “roubados” coa escusa da crise económica e rematar coa precariedade laboral, garantindo a prestación de servizo ao longo de todo o ano para a totalidade dos traballadores do SPDCIF e poñer coto ás impresentábeis taxas de interinidade, que nalgún caso supera o 70%, a través dunha oferta de emprego crible e real.