Máis de 300 persoas maniféstanse en Guitiriz en defensa do emprego

A mobilización, convocada pola CIG, enmárcase nos actos previos do Primeiro de Maio

Guitiriz -

Máis de 300 persoas saíron en manifestación o pasado sábado polas rúas de Guitiriz en defensa do emprego e dos servizos, nun concello que está a atravesar unha situación socioeconómica complicada, con dúas das súas empresa emblemáticas, Ingemarga e o Hotel Balneario, en  crise. A manifestación, convocada pola Unión Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, enmárcase nos actos previos que a central sindical desenvolve co gallo da conmemoración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora.  

“200 familias dependen directamente da actividade de Ingemarga e o Balneario, dúas empresas que, de desaparecer, deixarían a economía de Guitiriz moi afectada", advertía Antonio Niño, Secretario comarcal da CIG. De feito, engade, as graves dificultades económicas que atravesan estas empresas, foi cuestión determinante á hora de elixir a localización desta mobilización.

"De pecharen, atoparemos un escenario desolador na economía deste municipio, que vai crear serias dificultades na vida das persoas, supor o peche de negocios e a posterior perda de servizos, deixando un escenario desolador” aseverou Niño. Unha preocupación que comparten non só os traballadores e traballadoras de ambas empresas, senón o conxunto da veciñanza de Guitiriz, tal e como reflicte a alta participación na protesta.

Folga indefinida no Balneario e Ingemarga en concurso

O Balneario de Guitiriz está a atravesar graves dificultades económicas despois de saír dun concurso de acredores. Esta situación levou os seus 40 traballadores e traballadoras a convocar unha folga indefinida en defensa dos seus empregos e dos seus salarios, diante da débeda acumulada de catro mensualidades que están a soportar.

Por outra parte, Ingemarga que dá emprego de xeito directo a 120 traballadores/as, entrou en concurso de acredores xunto a outras dúas empresas do mesmo grupo, acumulando un pasivo conxunto de 50 millóns de euros. A día de hoxe e despois de cobrar do Fogasa parte da débeda anterior, a empresa está a asumir o pagamento das nóminas de xeito ordinario baixo o control do administrador concursal.

Ameaza de perda de servizos

Ademais, no momento no que a central sindical acordou realizar esta manifestación, Abanca ameazaba con pechar a oficina de Parga, aberta dende 1950 e que foi a primeira oficina rural da Caixa na provincia de Lugo, o que viría a afondar nesta situación e suporía a perda dun servizo que a veciñanza considera fundamental. Porén, finalmente a entidade bancaria tivo que recuar na súa decisión, ante o descontento e a oposición social que provocaba esta medida.

“O que está acontecer neste Concello é un exemplo paradigmático de cara a onde nos levan as políticas de recortes, a involución económica e a dinámica de destrución de tecido industrial e do emprego que se están a desenvolver polos diferentes gobernos, tanto a nivel europeo coma no Estado ou no Goberno da Xunta. Este camiño lévanos ao desastre, polo que temos que rearxer para mudar un sistema que nos condena á precariedade, ao desemprego e á pobreza, mentres a minoría adiñeirada segue a conseguir cuantiosos beneficios” declara Antonio Niño.

O Secretario da CIG de Lugo-A Mariña amosou tamén a gran preocupación da central pola perda de servizos no rural, "sobre todo no contexto de abandono do mesmo pola xente moza que se ve abocada á emigración, interior e exterior, pola falta de oportunidades e de emprego no seu ámbito máis próximo. Pechan servizos porque a xente marcha e a xente marcha porque pechan empresas e servizos, é a pescada que morde a cola” remarca.

Volver