Máis de 4000 docentes que teñen que iniciar o curso o vindeiro día 15 atópanse a esta altura sen nomear

A CIG-Ensino solicitou á Consellaría que revisara a adxudicación de prazas con afíns
Compostela - 09 Set 2016
A CIG-Ensino vén denunciar que máis de 4000 profesores e profesoras que teñen que iniciar o curso o próximo día 15 están a esta altura sen nomear. Para a CIG-Ensino é “unha auténtica tomadura de pelo” que a Consellaría de Educación agarde até o último día,  un venres, a última hora -cando o profesorado xa nin sequera pode contactar con ela- para facer a adxudicación de destino do 28% dos cadros de persoal de secundaria. 

Segundo a resolución provisional de secundaria a Consellaría adxudicoulle destino a 4112 profesores e profesoras (dos que 806 son interinos/as e 1725 son substitutos/as) e dos que 1138 (o 28%) van ter que impartir afins. Á vista das adxudicacións a CIG-Ensino xa entregou un escrito a Consellaría no que denuncia que na adxudicación provisional de secundaria chaman poderosamente a atención os perfís dalgunhas prazas.

Hai numerosas adxudicacións con afíns que non teñen ningunha afinidade, prazas con máis de dúas afíns, persoas que teñen o mesmo destino có curso pasado en prazas con perfís estraños (12 da especialidade de Informática  con FOL no IES San Clemente), prazas correspondentes a un corpo adxudicadas a outro etc.

Hai ademais diferentes prazas con perfís totalmente extravagantes, adxudicadas este ano igual que anos anteriores ao mesmo profesorado.

CIG-Ensino salienta como “totalmente irregulares que nun só centro se adxudique máis dunha praza dunha mesma materia coas mesmas afíns”. Dentro da casuística os casos máis incomprensíbeis son os que se dan no IES San Clemente:

-        Matemáticas con Física e Química, Bioloxía, Informática e Educación Física.

-        Bioloxía con Matemáticas, Física e Química e Educación Física.

-        Filosofía con Matemáticas, Física e Química e Inglés.

-        2 de Lingua Española con afíns de Inglés e Galego

-        Debuxo con Matemáticas, Física e Química e Bioloxía.

-        Física e Química con Matemáticas e Bioloxía.

-        Física e Química con Matemáticas e Bioloxía

-        Informática con Fol e Sistemas e aplicacións informáticas. Na adxudicación deste ano hai 12 prazas deste perfil (ano pasado 11) de persoas que repiten o destino do curso anterior no dito centro. 

É dicir, as Matemáticas aparecen como afíns en cinco materias, Física e Química en catro, Bioloxía en catro etc.

Outras adxudicacións extravagantes son as que se dan nos seguintes centros:

-        IES Bouza Brey Vilagarcía: 2 prazas iguais (Educación Física con Matemáticas e Física e Química), solicitadas do mesmo xeito o curso pasado, con afíns de perfil científico. Unha delas adxudicada o curso pasado con Tecnoloxía e 590800.

-        EPAPU Eduardo Pondal: Bioloxía con Matemáticas, Física e Química , Tecnoloxía e EF, adxudicada en 2015 con Matemáticas, Física e Química  e Tecnoloxía.

-        CPI J.Becerra, Ribadumia: Inglés con Matemáticas, Física e Química, Bioloxía.

-        IES Illa de Sarón, Xove: Música con Latín e Debuxo.

-        IES Terra de Trasancos, Narón: Música con Latín e EF (en 2015 con Debuxo e Cultura Clásica)

-        CPI Padín, Soutomaior: Educación Física con Xeografía e Historia.

-        IES Enrique Muruais, A Pontenova: Educación Física con Matemáticas, Física e Química e Bioloxía. 

-        EPAPU do Berbés, Vigo: Bioloxía con Matemáticas, Física e Química, Tecnoloxía e Educación Física.

-        IES Carballo: Bioloxía con Matemáticas, Física e Química e Asesoría e procesos de imaxe persoal.

-        IES Chamoso Lamas, O Carballiño: Lingua castelá con Latín e Educación Física.

-        IES Alfredo Brañas: Francés con Latín e Educación Física.

-        CPI Atios, Valdoviño, Educación Física con Lingua Galega.

-        EPAPU Eduardo Pondal: dúas prazas de Lingua Galega con Francés.

“Ante a rotundidade destes datos insólitos, que parecen indicar adxudicacións irregulares” –explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino- “solicitámoslle á Consellaría por escrito que se revisaran ditas adxudicacións para que a adxudicación definitiva se faga correctamente” .