Mantense a convocatoria de folga en Tecnocom para os días 1, 2 e 5 de setembro

As traballadoras e traballadores concentráronse este luns diante do Sergas para demandarlle que inste á empresa a sentar a negociar

Compostela -

Traballadores e traballadoras de Tecnocom concentráronse novamente este luns, desta volta ás portas do Servizo Galego de Saúde (Sergas), para demandar que desde o propio departamento autonómico se inste á empresa a sentar a negociar co seu cadro de persoal. A compañía Tecnocom ten a concesión do mantemento do soporte informático de numerosas aplicacións empregadas na sanidade pública galega.

O persoal de Tecnocom -que desenvolve o seu traballo en quendas de 24 horas, sete días á semana e cuns salarios que oscilan entre os 700 e os 850€- reclama compensacións por traballar en festivos, nomeadamente en “festivos especiais”, xornadas de verán e demais.

Explican que se presentou conflito colectivo porque tras reclamar unha compensación por un festivo traballado a empresa modificou de forma unilateral as quendas, sen posibilitar negociación algunha.

A CIG entende que esta decisión foi unha represalia para amedrentar ás traballadoras e traballadores. Porén, lonxe de conseguilo, o persoal acordou convocar varias xornadas de folga para os primeiros días de setembro. Convocatoria que conta co apoio dos comités de varias empresas TIC de Compostela como Bahía Software, Dinahosting, Contact Nova e a sección sindical da CIG de Coremain.

Ademais, a CIG-Saúde tamén se sumou ás súas demandas instando ao Sergas a que presione a Tecnocom para que sente a dialogar e se evite así unha folga que podería afectar tanto a usuarios/as como a profesionais do sistema de saúde, que empregan as aplicacións informáticas que mantén esta empresa como o FIDES ou o aplicativo que facilita a dispensación de Sintrom.

Persoal de Tecnocom concéntrase diante do centro de traballo no hospital Psiquiátrico de Conxo

A CIG-Saúde pregunta ao Sergas polas medidas adoptadas diante da folga convocada en Tecnocom

Paradas no soporte informático do Sergas pola convocatoria de folga en Tecnocom

Volver