Mantense a convocatoria de folga no transporte de viaxeiros/as, que pasará a indefinida o xoves

CIG, CCOO e UGT convocan unha concentración este martes, ás 12:00h diante do Parlamento

Nacional -

As organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT manteñen a convocatoria de folga no sector de Transporte de viaxeiros/as, tal e como estaba previsto, para este martes día 11 e o mércores día 12, que se converterá en indefinida a partir do xoves. Ademais, teñen convocada unha concentración diante do Parlamento de Galiza, ás 12:00 horas de mañá martes, coincidindo coa xornada de paro.

Segundo explica o responsábel do  sector de Transporte da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, aínda que as organizacións sindicais advertiran que non podían reunirse coa xunta até o mércores, por motivos de axenda, foron convocados esta mña´para manter unha xuntanza esta mesma tarde.

“Parece ser que ten que ver cun posíbel acordo final en materia de cláusulas sociais”, explica Pastoriza, quen indica que entre outras materias ese acordo referiríase esencialmente a catro aspectos: a obriga de tacógrafo en todos os autobuses; a contratación da figura de acompañante a cargo da empresa de transportes; á introdución dunha cláusula “antipréstamo” laboral para que os/as condutores/as contratados/as por unha empresa non puideran traballar para outra e a prohibición de despedimentos obxectivos no caso de persoal subrogado.

O responsábel do sector de Transporte da CIG considera “positivas” estas cláusulas, mais reitera a oposición sindical ao Plan de Transporte da Xunta. Xunto a isto matiza que “non temos claro que se subrogue a todo o persoal, porque o plan leva consigo unha redución de liñas e denuncia que, a pesar de o ter comprometido, a Xunta nin presentou, nin ten previsto presentar os contratos para ver polo miúdo o seu contido. “Dixéronos que os veriamos cando se publicaran na web”.

Ademais, manteñen a súa oposición a que se mesturen as liñas de transporte escolar e regular, cos problemas que iso implica, non só pola normativa máis ríxida que rexe no escolar, senón tamén polos problemas derivados que ten, como controlar quen sobe no bus e senta a carón das nenas e nenos.

Sen acordo

Pastoriza asegura que, malia as informacións proporcionadas pola Xunta, non hai acordo e a convocatoria de folga se mantén porque “non temos os convenios asinados”. Para tratar precisamente esta cuestión teñen convocada unha xuntanza para a tarde deste martes coa patronal.

Polo momento xa se chegou ao acordo de introducir unha cláusula de subrogación no Marco Galego e tamén se vai abordar, dentro dese mesmo marco a cuestión dos incrementos laborais.

Así as cousas, Xesús Pastoriza avanza que a convocatoria de folga se mantén e, “se non hai cambios nestas xuntanza, a partir do xoves será indefinida”.

Volver