Marcos Conde, novo secretario nacional da CIG-Industria

Nacional - 11 Xul 2025

O IV Congreso da CIG-Industria, celebrado o 27 de xuño baixo o lema “Somos industria. En Galiza: traballo, igualdade, dereitos e soberanía”, elixiu a Marcos Conde Farto como secretario nacional con 110 votos a favor, 1 nulo e 8 en branco, quen substitúe no cargo a Xoán Xosé Bouzas ‘Tupi’.

A nova Executiva federal elixida está composta por Marcos Conde Farto, Mercedes Domínguez Santomé, Armando Carril Casanova, María Xosé García Gómez, Henrique Fernández Oliveira, Amanda Casais Pena, Heriberto Fernández Permuy, Raquel Pérez Fernández, Unai Donoso Rodríguez, Francisco Rei Grille, Antonio Cebey Giadás e César Rodríguez Martínez. 

No proceso tamén se renovou a Executiva da federación

Durante o proceso debatéronse e aprobáronse o Informe de Xestión da Executiva saínte e os relatorios Base e de Organización. No primeiro destácase a basta e diversa conflitividade vivida neste último período, no que a CIG consolidou a súa posición como 1ª forza sindical na industria, incrementando a súa representatividade.

O Relatorio Base definiu as alternativas da CIG e a acción a desenvolver para reverter a perda do peso no PIB da industria galega e a consecuente destrución de emprego, caída dos salarios e aumento da precariedade neste sector. No de Organización chámase a reforzar a presenza da CIG nos centros de traballo, ter máis capacidade de liderar as loitas e levar adiante o conflito, sendo capaces de formular alternativas e solucións.

Na intervención de clausura, Marcos Conde reivindicou competencias plenas para Galiza en materia industrial e un verdadeiro plan de reindustrialización galego que vincule produción e territorio, que peche ciclos produtivos dentro do país e que aumente o valor engadido da nosa produción.