Medio Rural incumpre os requirimentos da Inspección sobre prevención de riscos no servizo contra incendios

A CIG presentará denuncia penal se no prazo de dous meses non se corrixen as deficiencias
Ourense - 22 Xul 2019

Dende a CIG de Ourense levan anos denunciando os numerosos incumprimentos do plan de prevención de riscos laborais no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta, problemática que a Consellaría de Medio Rural segue sen solucionar a pesar dos reiterados requirimentos da Inspección de Traballo. Agora a central trasladaralle estas cuestións á xefatura territorial da autoridade laboral para que estude se considera oportuno informar a Fiscalía e acudirá á vía penal no caso de que as deficiencias non sexan corrixidas no prazo de dous meses.

Así o anunciou hoxe o secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, que compareceu en rolda de prensa xunto a un traballador do SPDCIF. Carballo lembrou que a central iniciou o 13 de marzo de 2017 unha campaña para esixir o cumprimento do plan de prevención de riscos no servizo publico de loita contra o lume, iniciativa que se centrou na denuncia de varios incumprimentos do plan de acción nas tarefas de extinción de incendios. “Estes plans son documentos que forman parte do plan de prevención de riscos e e que recollen as medidas correctoras ás que a propia empresa se obriga a acometer nun tempo e forma determinada”, explicou. 

A central solicitou unha reunión coa xefatura territorial da Inspección de Traballo para trasladarlle os incumprimentos por se considera oportuno informar a Fiscalía

Segundo sinalou, neste caso o documento era do ano 2014 e establecía un prazo de tres meses para o seu cumprimento, “e nós denunciamos en 2017”. Detallou que este plan, elaborado pola propia empresa xunto coa mutua, recolle tamén as responsabilidades directas dos incumprimentos, citando en primeira instancia as xefaturas de distrito “e como responsábeis da comprobación ás xefaturas provinciais”.

Diante disto, o 13 de marzo de 2017 a CIG denunciou na Inspección a todos os distritos tanto de Ourense como doutras provincias da provincia, así como ás xefaturas provinciais como responsábeis. En total puxeron de manifesto até 13 incumprimentos en accións que estaban codificadas dentro do propio plan. Entre elas, a obrigatoriedade de entregar comida de asimilación rápida ao persoal en labores de extinción, como tamén equipos de respiración de emerxencia e sistemas de comunicación entre bombeiros/as.

A raíz desta denuncia a autoridade laboral fixo un requirimento a Medio Rural con data de 20 de abril de 2017 no que lle esixía o cumprimento das accións correctoras recollidas nos plans de acción no que ten que ver con equipos de respiración, sistemas de comunicación e comida de asimilación rápida.

Dende entón, “aínda que a Consellaría levou estes temas ao subcomité de EPIs do servizo contra incendios amosando simplemente mostras dos materiais de cada un das accións requiridas, a día de hoxe non se concretou nin licitou a primeira destas obrigas requiridas”.

Novos incumprimentos

Continuando coa campaña, dende a CIG denuncian un novo incumprimento, neste caso no referente á protección respiratoria dos equipos de extinción. Con data 29 de outubro de 2018 trasládanlle á Inspección que o servizo de extinción non contaba coa protección axeitada e carecía de equipo para protexerse de inhalación de gases e partículas presentes na atmosfera dun incendio, tal e como recollía o propio plan de acción e segundo as recomendacións do Comité de Loita contra Incendios Forestais (CLIF) do MAPA.

A autoridade laboral volveu facer un requirimento con data de 18 de decembro de 2018 para que o departamento autonómico cumprise o que ordenaba o plan de acción. “Aínda que estas semimáscaras de filtro combinado que reclamamos foron licitadas adecuadamente pola Consellería, a día de hoxe seguimos sen ter novas e os equipos de extinción seguen sen protección diante da principal causa de mortaldade nas tarefas de extinción”, denuncia.

Polo tanto, diante destes incumprimentos reiterados por parte de Medio Rural a CIG opta agora por solicitar unha xuntanza coa xefatura territorial da Inspección de traballo -a máis alta instancia deste organismo en Galiza- para informala de todas estas cuestións por se considera oportuno trasladalas á Fiscalía.

“Tamén contemplamos este incumprimento como delito penal, polo que no caso de non prosperar as accións anteriores nun prazo de dous meses -tal e como recolle o propio Código Penal no artigo 316, que regula a protección dos traballadores/as fronte aos perigos derivados do desenvolvemento das súas tarefas- presentaremos unha denuncia por esta vía”, remata.