"Mentres non se erradique o sistema patriarcal, nin haberá democracia nin pode haber igualdade"

Centos de persoas participaron nas concentracións para rexeitar a violencia machista

Nacional -

Centos de persoas saíron á rúa na tarde do martes para manifestar o máis rotundo rexeitamento á violencia machista e á súa expresión máis estrema: o feminicidio. As protestas, convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG fai parte, desenvolvéronse nas sete cidades galegas e varias vilas baixo a consigna: "O machismo mata. Basta de violencia machista".

Na pasada fin de semana foron dúas as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas: Ana María Enjamio, de 25 anos, en Vigo, e Elena Mihaela Marcus, de 30 anos, en Compostela. Non poden ser considerados como dous máis dunha longa lista de feminicidios. Deberan ser os últimos, pois non podemos asumir a cotidianeidade dos asasinatos machistas.

Os asasinatos de Ana María e Elena Mihaela veñen sumarse ao de Ana Gómez Nieto, asasinada dun tiro en Becerreá o 11 de febreiro, e ao de Tatiana Vázquez, asasinada a coiteladas en Lugo. Mais esta última aínda non figura contabilizada como violencia machista, ao non existir confesión do asasino e estar en proceso de investigación.

Críticas ao tratamento nos medios

Nos últimos cinco anos, case medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de 600 no Estado español. Un feminicidio non recoñecido como tal, invisibilizado polos poderes públicos, pola xustiza, polos gobernos do Partido Popular, e mesmo polos medios de comunicación.

De feito, o tratamento informativo que se dá nos medios a estes asasinatos dista moito de ser o aconsellábel: non se escatiman os detalles morbosos pero non se abordar a xénese da violencia machista, senón que pola contra en moitas das novas publicadas continúase a cualificar os asasinatos machistas como crimes pasionais.

Esta cuestión foi denunciada no marco das concentracións, nas que se censurou que determinados medios poñan o foco "na conduta das vítimas, na súa situación persoal, na súa vida privada, na súa orixe ou mesmo na súa aparencia física, en lugar de centrar a información no asasinos e na cultura da posesión, na violencia estrutural dos homes contra as mulleres".

Menos minutos de silencio e máis respostas

Neste senso, censurouse que "estas vidas non teñen o mesmo peso, a mesma importancia, nin a mesma resposta que de tratarse doutro tipo de terrorismo", denunciouse nas protestas.

"Non hai comparecencias pola vía de urxencias dos presidentes do goberno da Xunta nin do Estado, tanto só ocupan minutos de silencio institucional. Son tantos os asasinatos que a sociedade está insensibilizada, asume de xeito normalizado un novo caso de terrorismo machista".

Unha situación que hai que enfrontar e na que falta unha resposta contundente das institucións, "síntoma de que non vivimos nunha democracia". "Mentres non erradiquemos este sistema patriarcal, que se perpetúa baixo a premisa de que non somos donas de nós, que somos propiedade dos homes, nin haberá democracia nin pode haber igualdade".

Volver