Miles de persoas claman contra as políticas de recortes e privatización da sanidade do Partido Popular

SOS Sanidade Pública chama á participación masiva na manifestación do 4 de febreiro
Nacional - 24 Xan 2018

Milleiros de persoas participaron este mércores nas concentracións convocadas pola Plataforma SOS Sanidade Pública (da que a CIG fai parte) para denunciar a política de recortes, privatizacións e a mala xestión do Goberno de Feijoo, as graves consecuencias que isto ten para garantir unha atención sanitaria de calidade; e ao tempo rexeitar as modificacións que o PP pretende introducir na Lei de Saúde, que elimina as áreas sanitarias da Mariña, Monforte, O Barco e O Salnés, e a través da que pretender consolidar a privatización da sanidade pública.

As protestas realizáronse nas sete cidades galegas, nas cabeceiras de comarcas que até agora constituían unha área sanitaria e que pasarían a integrarse na súa área de referencia (caso de Vilagarcía, Monforte, Burela e o Barco) e naquelas localidades que contan con hospitais comarcais nos que periga a súa carteira de servizos, como Ribeira ou Verín.

Unha lei para equiparar a sanidade pública e a privada

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que participou na concentración de Santiago, subliñou que estas mobilizacións xa foran acordadas como resposta aos recortes e á política sanitaria que leva aplicando o PP e que agora consolidará coa modificación da Lei de Saúde de Galiza. Lembrou que durante os gobernos de Fraga, o Partido Popular elaborou unha lei que equiparaba a sanidade pública e a privada que foi modificada polo bipartito no ano 2008, coa aprobación unha norma que situaba a sanidade privada nun papel complementario do sistema público, "algo que o PP nunca asumiu".

"Agora, o que fai o Goberno de Feijoo é recuperar a súa antiga lei, que xa fora amplamente contestada no seu día polas organizacións sindicais e sociais. Todos os recortes e privatizacións que  estivo aplicando o PP neste anos vainos consolidar coa modificación da Lei de Saúde de Galiza", alertou Abuín.

Máis azos para o negocio privado

A este respecto, denunciou que este cambio na lei implicará afondar no peche de servizos e no avance das privatizacións "e o único que garante é o cumprimento da Lei de Garantías" aprobada polo PP, que recolle os tempos máximos de espera (60 días para intervención cirúrxica e 45 días para exploracións complementarias e consulta). Aínda que na teoría poida parecer una avance, e así se tenta vender dende o Goberno de Feijoo, a realidade é que vai ser inviábel cumprir con estes prazos dentro do sistema sanitario público a causa dos graves recortes orzamentarios, de persoal e do peche de camas nos hospitais.

Hai que subliñar que dende o 2009, pecháronse máis de 700 camas hospitalarias (ás que se habería que engadir as camas non operativas no período estival), o que provoca que as/os doentes pendentes de ingreso pasen máis de 48 horas nos servizos de urxencias e un incremento das listas de espera cirúrxicas.

Segundo o recollido no decreto de tempos máximos, as persoas doentes teñen que aceptar o centro que se lles ofreza, xa que o propio decreto di que “o exercicio do dereito de garantía de tempos máximos prevalece sobre o dereito de libre elección”. Ademais, o centro ofertado pode estar en calquera lugar do territorio galego e se non se lle oferta un centro público ou concertado a/o paciente pode decidir pagalo con dereito a reembolso. É dicir, o decreto favorecerá á derivación a sanidade privada, converténdose nunha fonte de financiamento das empresas privadas que operan no sector.

Precarización das condicións laborais

Á rebaixa da calidade na sanidade pública contribúe tamén, apunta a secretaria nacional da CIG-Saúde, a precarización das condicións laborais do persoal. Nos últimos nove anos amortizáronse máis de 2.000 postos de traballo estruturais na sanidade pública, incrementándose a precariedade laboral, cubríndose estas prazas con contratos de días e horas, impedindo así a continuidade dos equipos asistenciais, e fomentando a emigración das/os profesionais.

Sobre este último punto, Abuín apuntou ao caso do Hospital de Verín, no que dous dos catro profesionais do Servizo de Traumatoloxía cos que contaba o centro marcharon para a sanidade privada fartos de encadear contratos precarios mes a mes. "A proposta que fai a Xerencia para manter a asistencia deste servizo é unha autorización de uso, é dicir, meter a unha empresa privada no hospital para poñela a dar este servizo".

Supresión de áreas sanitarias e deterioro da Atención primeira

Esta Lei de Saúde do PP suporá tamén afastar a atención sanitaria da cidadanía, xa que se reduce a atención dos hospitais comarcais ao centralizar servizos nas cabeceiras de provincia, eliminando as áreas sanitarias da Mariña, Monforte, O Barco e O Salnés. Isto implica a perda de autonomía, capacidade de planificación sanitaria e recursos propios.

Ao tempo, afonda no desmantelamento da atención primaria, que é a porta de entrada a rede pública, deixándoa sen recursos humanos e técnicos, sen capacidade de resolución e sometida aos intereses dos grandes centros hospitalarios.

Xunto a isto, a reforma da lei pon a investigación pública ao servizo da industria farmacéutica, "sen que haxa un retorno deste beneficio á sanidade pública. Todas estas medidas van encamiñadas a consolidar o modelo sanitario do PP, que comeza por facer inviábel o sistema sanitario público", advertiu Abuín.

Manifestación o 4 de febreiro

As usuarias e usuarios son cada vez máis conscientes desta situación, de aí a resposta da cidadanía ás concentracións convocadas para a xornada deste mércores pola Plataforma SOS Sanidade Pública. Nas mesmas fíxose un chamamento á participación masiva na manifestación nacional que terá lugar o vindeiro domingo 4 de febreiro en Santiago de Composte, e que partirá da Alameda ás 12 horas.

"Contra estas políticas do PP témonos que mobilizar, porque a sanidade pública é patrimonio de todas as galegas e os galegos e temos que evitar a súa privatización", sentenza a secretaria nacional da CIG-Saúde.