Miles de persoas manifestánse contra o ERE en Extel e por un traballo digno nos centros de chamadas

A xornada de folga no sector estivo marcada na Coruña pola ameaza a 205 postos de traballo

A Coruña -

A xornada de folga convocada nos centros de chamadas por un convenio digno tivo na cidade da Coruña unha especial relevancia pola ameaza de despedimento de 205 traballadoras/as, a través do ERE de extinción presentado por Extel. Por esta razón, alén de demandar un convenio digno, todo o sector amosou a súa solidariedade co persoal desta empresa participando na multitudinaria manifestación que discorreu esta tarde pola rúas do centro da Coruña cun berro unánime: "este ERE ímolo parar".

Galería de imaxes

Sobre o período de consultas do ERE, na última reunión celebrada, a CIG esixiu que sexa a propia Movistar-Telefónica quen xustifique as causas do expediente e explique a onde vai levar o traballo que até agora prestaba o persoal da plataforma de Extel na Coruña. "Non vale con que Extel diga que Telefónica non lle dá traballo, porque temos a certeza de que ese contrato ou vai para unha empresa da competencia ou vai para o estranxeiro", afirmaba Óscar Calvo, da CIG-Banca da Coruña.

Calvo trasladou o malestar da parte social tras coñecer que a empresa asinou un contrato con Correos, "pero asegurando que a compañía postal lles esixe que o servizo sexa prestado dende Madrid". Ante estas afirmacións, a CIG demandou á empresa que demostre por que o traballo ten que ser prestado en Madrid, cando a principal característica deste sector é que pode ser realizado dende calquera lugar. "Queremos saber por que non se utiliza o contrato con Correos para paliar a baixada de traballo na plataforma da Coruña", inquiriu o sindicalista.

Doutra banda, a representación da CIG entende que os criterios que baralla Extel para asignar os despedimentos son inxustos, xa que un dos criterios é a produtividade. "Isto prexudica gravemente as traballadoras e traballadores que están de baixa. E hai que ter en conta que na plataforma hai máis de 200 persoas de baixa médica (aproximadamente o 25% do cadro de persoal), a consecuencia da presión laboral que sofren", subliñou Óscar Calvo.

Neste senso, lembrou que a representación dos traballadores/as e as organizacións sindicais levan anos denunciando a presión e o acoso ao que é sometido sistematicamente o persoal dos centros de chamadas, sen que as empresas teñan adoptado medidas para corrixir esta situación. En relación á negociación do convenio colectivo, Calvo apuntou que o ERE formulado por Extel resulta "consubstancial á propia precariedade do sector. Non se entenden os procesos de deslocalización sen un convenio altamente precario. Este conflito non é extraordinario, senón que está na propia xénese do sector, por iso hai que mellorar o convenio e dignificar as condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores dos centros de chamadas".

Finalmente, o representante sindical acusou a Telefónica de manter unha actitude "vergoñenta" pretendendo desmarcarse do conflito de Extel, cando é a propia multinacional quen xera a problemática. "Con total descaro, Telefónica asegura na prensa que conta con 100 teleoperadoras/es propias/os, cando só na cidade da Coruña ten máis de 1.500 teleoperadoras/es alleas/os". Miles de traballadoras e traballadoras en empresas ás que Telefónica subcontrata os seus servizos, e ás que "cando a multinacional quere, lle quita o traballo sen dar explicacións para levalo a outra parte onde considera que pode obter máis beneficios", censurou.

Volver