Masiva manifestación contra a venda das centrais de Ferroatlántica e en defensa dos nosos recursos naturais

A Costa da Morte ergueuse en defensa do emprego e do futuro da comarca e ateigou Compostela

Nacional -

A Costa da Morte mobilizouse en pleno para sumarse en Compostela a marcha a pé que os/as traballadores/as de Ferroatlántica iniciaron o pasado mércores e que concluía este sábado cunha masiva manifestación contra a venda das centrais e en defensa dos nosos recursos naturais. Unha marcha na que, durante catro xornadas, unha columna humana encabezada polo secretario xeral da CIG, Paulo Carril, percorreu os preto de 70 quilómetros que separan Cee da capital de Galiza.

A última etapa da camiñada saía contra as 8:30 horas deste sábado de Bertamiráns e chegaba a Compostela contra as 11:30 horas, onde as e os traballadores que viñan andando foron recibidos, entre aplausos, por compañeiros/as e veciños/as da comarca que xa os agardaban na Alameda. Houbo tempo aínda para facer un pequeno descanso antes de que saíra a manifestación, unha maré que asolagou ao seu paso unha das principais arterias da cidade até chegar ao edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano.

Ao longo do percorrido, ao que se sumaron –en solidariedade coa loita dos/as compañeiros/as de Ferroatlántica- traballadores/as de Sabón, Serrabal e mesmo das industrias propiedade de Villar Mir en Francia (Ferroglobe), foron múltiples as consignas coreadas por familias enteiras. Avoas, nais, fillas, pais e irmáns que marchaban a carón das e dos traballadores de Carburos Metálicos para defender o futuro da comarca. “As centrais non se venden”, proclamaban a viva voz, ou “Aquí está, aquí se ve a Costa da Morte en pé”. Berros de dignidade contra un modelo económico colonial que permite, aínda hoxe, espoliar os nosos recursos naturais e minerais para enriquecer os petos de empresarios como Villar Mir, como ben denunciou, ao longo de todos estes días o secretario xeral da CIG, Paulo Carril e os representantes do comité de empresa.

De feito, máis unha vez, Carril alertou –á saída da manifestación- da pretensión de Ferroatlántica de “apropiarse” dunha parte dos beneficios millonarios que obtén da explotación dos nosos recursos naturais, nomeadamente dos ríos Xallas e río Grande, coa venda, a través dunha operación especulativa ilegal, das centrais hidroeléctricas. Denunciou o “falso” plan industrial presentado por Villar Mir e reiterou que o marco legal actualmente vixente establece que “a ferroaleación é inseparábel da explotación deses recursos naturais”.

Carril advertiu de que estamos realmente diante dun “plan de desmantelamento” que ten como obxectivo reducir o apalancamento financeiro do Grupo Villar Mir, manter a súa liquidez e facer fronte ás súas obrigas financieiras. E denunciou que “non ten previsto investir nin un só euro dos beneficios millonarios que quere obter coa venda das centrais” na industrialización da comarca ou na creación de emprego.

Ao remate da manifestación, convocada polo comité de Ferroatlántica de Cee, Dumbría e CCHH, deuse lectura a un manifesto que, de seguido reproducimos:

 

Manifesto

Xa nos MANIFESTOS da concentración de novembro e manifestación do 10 de marzo contabamos e lembrabamos o camiño andado até o ano 92 coa compra por parte de Ferroatlántica de Carburos Metálicos, a historia de centos de traballadores que deixaron a súa vida e a súa saúde na construcción dos saltos, tuneles e canles nos ríos Xallas e Grande e das miles de hectáreas expropiadas e lugares que desapareceron baixo as augas dos encoros.

Describiamos tamén a loita dunha comarca, no ano 92, contra o intento de separación de actividades que o Sr. Villar Mir non conseguiu materializar grazas as protestas e manifestacións dos traballadores e traballadoras e de toda a comarca, véndose o goberno da Xunta obrigado a negar a autorización de segregación e asegurar o mantemento da vinculación das centrais hidroeléctricas e a actividade industrial através dunha claúsula no título concesional na que se deixa claro que “non poderán segregarse de Ferroatlántica as actividades de ferroaliaxes e de producción de enerxía eléctrica. A perda da condición de titular dos aproveitamentos ante calquer acreedor, será causa de extinción desta”.

Condición que non é nova porque como dicíamos saltos e industria nacen vinculadas pola necesidade de garantir o suministro enerxético, actividade industrial e emprego.

Manifestábase tamén o impacto tan brutal por negativo que esta operación de venda especulativa e ilegal (de levarse a efecto) ten socio-económicamente para a comarca. Perda de emprego e a incidencia sobre todo no sector servizos, que calificamos como “ruina da comarca”.

Tamén apuntábase a pasividade das institucións responsábeis de poder parar esta venda especulativa. A pasividade de quen ten a obriga de velar porque as cuantiosas axudas públicas teñan incidencia directa no territorio e que revirtan no beneficio do conxunto dos cidadáns da comarca, e por suposto, da obriga de salvagardar o INTERESE PÚBLICO, que ten que ser o garante do empregona comarca.

Levamos meses asistindo a unha campaña de intoxicación e mentiras as que a empresa se empeña en denominar “PLAN INDUSTRIAL” .

Un plan que nunca foi presentado ante o comité de empresa, administracións locais nin autonómica. Que non é máis que un baile de cifras, de supostas inversións, repartidas en distintos medios de comunicación.

Un plan utilizado para enfrontar os traballadores do grupo, pretendendo responsabilizar a algún da operación ilegal que e empresa quer levar a cabo e xogando coas necesidades de inversión reais, para a propia supervivencia das factorías e do mantemento e creación de novos postos, que nalgúns casos xa tiña comprometidas e noutros tiñan que estar executadas.

Só se anunciou propaganda e fume co que se intenta confundir a opinión pública e xogar coa necesidade de emprego dunha comarca deprimida e esquecida históricamente que ten como único tecido industrial as fábricas de ferroaliaxes.

Un Plan que na práctica representa a perda de emprego, o desmantelamento e peche progresivo das fábricas de Cee e Dumbría.

Un plan, na práctica inexistente, porque como eles mesmos recoñecen e declaran os seus accionistas en Londres ou Nova Iorque os obxetivos da venda das centrais hidroeléctricas é reducir o seu apalancamento financieiro, manter a súa liquidez e facer fronte ás súas obrigas financieiras.

Villar Mir a costa da adquisición das nosas fábricas e centrais hidroeléctricas foi forxando o seu “holding empresarial”, e mediante diferentes operacións bancarias afrontou proxectos como a construcción de “Torre Espacio”, “Canalenejas”, que serviron para a expansión internancional do grupo. Nenos beneficios obtidos pola posterior venda de Torre Espacio, nen os beneficios declarados pola venda da enerxía, nen os obtidos da venda de ferroaliaxes procedentes de Cee e Dumbría, nen da rendabilidade obtida pola explotación dos recursos mineiros de Serrabal que están na base dos proxectos como o de Ferrosolar, foron reinvertidos na comarca.

Polo tanto, si as nosas centrais dos ríos Xallas e Grande serviron, sin necesidade de vendelas para financiar proxectos fóra da nosa comarca e fóra do noso país, teñen tamén que servir agora para financiar un proxecto industrial para modernizar as nosas fábricas e crear novos empregos. É unha débeda histórica froito da explotación e espoliación dos nosos recursos naturais.

Que tería sido de nós estes anos se Villar Mir hai 25 anos tivera conseguido a segregación?. A que nos acolleríamos durante estes anos se a Xunta de Galicia autorizara a segregación e Villar Mir tivese gañado os xuizos para conseguir a separación das centrais?.

O Grupo Villar Mir ten un plan, pero non é un plan de futuro para a comarca, nin pensado nos intereses da empresa en Galiza.  Como tamén o demostran os últimos 25 anos, nos que o Grupo só se dedicou a enriquecerse a conta das centrais, mais sen reinvestir nin un só euro na  modernización e  ampliación das capacidades produtivas das fábricas. Mantendo castigada a esta comarca por non permitirlle no 1994 a segregación.

Que non nos engañen máis, que conten a verdade. O holding empresarial de Villar Mir ten como obxectivo reducir a enorme débeda, contraída principalmente no negocio inmobiliario, e pretende atallar esta débeda desfacéndose dalgúns dos seus principais e máis rendíbeis activos: as centrais de produción hidroeléctrica, para que a única operación real de inversión, emigre novamente do noso pais, neste caso para Puertollano, fábrica propiedade do seu Xenro.

Denunciamos unha vez mais que o plan industrial anunciado por Ferroatlántica non pode vincularse en ningún caso á venda dun dos seus principais activos: as centrais hidroeléctricas. Do mesmo xeito que non se pode segregar o futuro das fábricas de Cee e Dumbría  da actividade de producción eléctrica, xa que é a única garantía de emprego e a que vén determinada nas concesións das Centrais Hidroeléctricas en relación á viabilidade das ferroaliaxes.

A única garantía  de emprego é a que determinan os 75 anos de concesión que rematan no 2069 e nese camiño a Xunta de Galiza ten que velar e obrigar a empresa a que reinvirta en proxectos que supoñan máis creación de emprego e fortalecimento do tecido productivo da comarca e do país e iso pasa polas potencialidades e rendabilidade económica que as concesións teñen.

Desde o comité de empresa volvémolo a manifestar: Só falaremos dun proxecto industrial que se financie a través dun plan plurianual de reinversións das actividades e beneficios xerados polas concesións, dun plan que respete a legalidade, dun plan que asuma que non hai segregación, porque só así será un verdadeiro plan industrial que xenere postos de traballo, industrialización e riqueza para a comarca e para e para Galiza.

Este é o terceiro intento do Sr. Villar Mir de segregación de actividades, levan anos traballando en distintas artimañas, separación de liñas (non necesarias) para, din eles, cumprir cos cambios no marco regulador do sector eléctrico, ou argumentar que o interese público mude en función da inversión ou mantemento do emprego, pero todos eles levan o mesmo camino de situarse na ilegalidade e son conscientes, por iso abundan nas campañas de acoso, chantaxe e extorsión, das entidades as que reparten algún tipo de axuda no que eles chaman responsabilidade social coorporativa e no resto dos centros de traballo os que amenazas con ERE’sou despidos si non avalan o ficticio proxecto industrialco que pretenden lexitimar ante a administración unha operación de venda especulativa.

Por iso, a administración galega debe actuar xa, e debe resolver negativamente a solicitude de autorización presentada.

A Xunta é coñecedora que a claúsula que Villar Mir pretende eliminar é absolutamente válida e necesaria para protexer o interese público: a actividade industrial e o emprego na costa da Morte. De non actuar así faría que a Xunta de Galicia, ademáis de cómplice con Villar Mir, estaría a incorrer nun posible delito de prevaricación, e de darse iríamos até as últimas consecuencias.

Feijoo ten que deixar de escudarse en argumentos e/ou informes xurídicos. Ten que tomar unha decisión política: ou favorece os intereses empresariais e particulares de Villar Mir ou defende os intereses da Costa da Morte e de Galiza.

Volver