Miles de persoas saíron ás rúas de toda Galiza para denunciar a incompetencia da Xunta

Lumes Nunca Máis! Unha vaga de indignación percorre o noso país

Nacional -

Miles de persoas participaron nas preto de 40 concentracións convocadas por toda a xeografía galega baixo o lema “Lumes Nunca Máis”. Un berro que volveu tomar as rúas de Norte a Sur do país para manifestar a indignación, carraxe e dor provocada pola vaga de lume que asolou sobre todo as provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo, con resultados catastróficos en perda de vidas humanas, vivendas e do noso patrimonio natural, mais tamén de denuncia pola incompetencia do goberno do PP a fronte da Xunta de Galiza na súa xestión. Unha incompetencia pola que a CIG xa exixiu a dimisión do propio Presidente, Alberte Núñez Feijoo.

Esta tarde, as rúas do país enchíanse co berro unánime e sentido de "Lumes Nunca Máis", xunto con consignas que poñen en cuestión a teoría conspiranoica que atribúe a vaga de incendios que asolagan Galiza a un suposto "terrorismo incendiario" e sinalan ben ás claras as responsabilidades políticas: "detrás un incendiario sempre hai un empresario", "Feijóo responsábel, dimisión!", "con este goberno estamos no inferno", "goberno que improvisa é o terrorista","coa nosa terra non se xoga" ou "Feijoo, atende, Galiza non se vende".

Política de abandono do rural

O propio secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciaba a primeira hora da mañá deste luns que detrás desta vaga de lumes hai responsábeis e apuntaba ao goberno do Partido Popular por ter propiciado unha política de abandono do rural e por substituír as históricas actividades agrícolas e gandeiras por unha política de forestación con eucaliptos para atender os intereses empresariais da pasteira ENCE.

Xunto a isto, a CIG denunciou a ausencia de políticas de prevención e a falta de previsión diante dunhas condicións climatolóxicas óptimas para a propagación dos lumes: seca, altas temperaturas e vento.

Deficiente información

Isto xunto coa deficiente información desde os medios públicos galegos para a á poboación enfrontarse a unha catástrofe as dimensións da vaga de lumes que padeceu onte Galiza. De feito, ao remate da concentración de Santiago de Compostela, interveu unha representante do Comité da TVG para denunciar a cobertura informativa que os medios públicos de Galiza realizaron onte domingo 15 e pedir a dimisión do director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo.

Xunto coa falta de previsión, Carril denunciou a falta de organización, de medios e a incapacidade do goberno de Feijoo mesmo para advertir por onde se podía o no circular provocándose unha situación de confusión, caos e pánico. Por iso exixiu a súa dimisión e a asunción de responsabilidades por parte do goberno galego, do que el está á fronte.

Volver