Milleiros de persoas mobilízanse contra os recortes na sanidade e os incrementos millonarios dos concertos coa privada

A plataforma SOS Sanidade Pública chama a "rematar coa corrupción sanitaria do PP"
Nacional - 13 Xun 2018

Miles de persoas en Burela, A Coruña, Santiago, Ribeira, Pontevedra e Vigo saíron ás rúas na tarde deste xoves en defensa da sanidade pública e para esixir o cese da política de desmantelamento e privatización aplicada intensamente polo Goberno de Feijoo. Nas mobilizacións, convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública, da que a CIG fai parte, púxose especial atención no novo modelo de concertación cos centros privados que o PP quere implantar e que suporá transvasar ás empresas privadas inxentes cantidades de cartos públicos para que atendan actividades de consulta, cirurxía, probas diagnósticas e terapéuticas e mesmo hemodiálise, que até agora se realizaban no sistema público.

"Hai unha estratexia global para desmantelar e privatizar a sanidade pública galega. Feijoo e o seu goberno pretenden pór a sanidade pública en mans de multinacionais, que están desembarcando masivamente en Galiza atraídas polo negocio sanitario", advertiuse dende SOS-Sanidade Pública. Lembrouse que o PP puxo en marcha unha seria de medidas que, aos poucos, foron privatizando servizos e infraestruturas da rede pública. "Isto supuxo a desviación de cartos públicos que debían ter sido destinados a financiar a sanidade pública e que provocaron un incremento da corrupción".

Como exemplo deste transvase de recursos e servizos asistenciais á privada, expuxeron o acordo de concertación na área sanitaria da Coruña, por un período de catro anos, cos hospitais San Rafael, Quirón e Modelo que ascende a 97,5 millóns de euros. Co agravante, ademais, de que o persoal facultativo público deberá ir a estes centros privados.

A Lei de Saúde do PP agrava o deterioro da rede pública

O desmantelamento e privatización da sanidade vese intensificado coas últimas medidas postas en marcha pola Xunta: a Lei Galega de Saúde que consolida un modelo que ningunea a Primaria, suprime áreas sanitarias e centraliza a planificación e xestión nos hospitais de referencia; e o acordo marco polo que se reforzan os concertos sanitarios coa sanidade privada.

Neste senso, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denuncia que o maior obxectivo do PP "é dar entrada no sistema sanitario público ás empresas privadas, con acceso aos datos sanitarios da poboación, para que estas poidan deseñar modelos de prestación sanitaria que redunde no seu lucro: sanidade máis cara con menos prestacións públicas".

Xunto a isto, ano a ano descenden os orzamentos destinados á rede pública e redúcense os cadros de persoal do SERGAS aplicando a taxa de reposición, impedindo así que se cubran as prazas do persoal que se xubila e a incorporación de novas/os profesionais para atender as demandas asistenciais.

A Xunta pretende agora tamén elaborar unha Lei de Incompatibilidades en Galiza, que precarizará, aínda máis, as condicións laborais no sector público, "para que o persoal, sobre todo o persoal facultativo, acepte traballar na sanidade privada, ou decida migrar buscando a estabilidade laboral que lles permita ter un proxecto de vida", advirte Abuín.

Perversidade da Lei de Garantías

Doutra banda, a Lei de Garantías aprobada polo PP facilita a derivación de doentes á sanidade privada, xa que "cos recursos existentes na sanidade pública, o peche de camas estrutural, e o incremento de peche de camas durante o verán, é imposíbel cumprir os tempos máximos de espera estabelecidos".

Neste contexto, María Xosé Abuín subliñou que a saúde mental é" a gran esquecida da sanidade pública. As patoloxías mentais non entran dentro da lei de garantías nin dos tempos máximos de espera".

A secretaria nacional da CIG-Saúde advirte que para acelerar este desmantelamento da sanidade pública e seguir a favorecer os interese privados, "tamén se quere rematar coa dedicación exclusiva das/os profesionais no servizo público. Non se pode consentir que as persoas con interese na sanidade privada poidan decidir as derivacións de doentes a estas empresas en detrimento da sanidade pública".