Milleiros de persoas reclaman en Compostela que se garanta poder vivir ‘En galego día a día’

A plataforma Queremos Galego denuncia o '155' co que o Goberno de Feixóo lamina a nosa lingua

Nacional -

Unha multitudinaria manifestación percorreu as rúas de Compostela sob o lema “En Galego Día a Día” para reivindicar o esforzo de miles de persoas e colectivos para normalizar a lingua “fronte o 155 lingüístico da Xunta”. Un esforzo que non terían que facer se quixesen utilizar unha lingua plenamente normal co que, malia as políticas do goberno de Feixó, conseguen, día a día, manter viva unha lingua que non só non conta con amparo institucional senón que recibe desamparo e agresividade sistemática.

Ao remate da manifestación, que decorreu nun ambiente festivo e reivindicativo, o voceiro da plataforma Queremos Galego, Marcos Maceira lembrou que en Galiza é o propio goberno galego, co presidente Feixó á cabeza, quen actúa como un “vulgar delegado do goberno español”, renegando das funcións que lle dá o estatuto de autonomía e da alta representación de Galiza que debería exercer. Unha política lingüística que provoca que o galego sexa o único idioma oficial do Estado que diminúe en falantes e carece de apoio do seu propio goberno.

O 155 lingüístico de Feixó

Nese sentido, Maceira denunciou “o  155 de Feixó” que anula as competencias e a capacidade da Xunta de actuar e lexislar a favor do galego, e polo tanto todos os artigos ao respecto do Estatuto, a Lei de Normalización Lingüística, ou acordos parlamentares unánimes como o PXNLG. “En Galiza nin se aplica nin se aproba ningunha lexislación a favor do galego máis si se aplican as máis de 500 disposicións legais que obrigan ao uso do español en diferentes ámbitos”.

Fronte a isto, salientou que existe unha sociedade que actúa día a día para repor e normalizar a lingua galega, a través de centos de colectivos e entidades e en ámbitos moi diversos que estiveron representados, como todos os anos, no acto final da manifestación e asegurou que son moitas as persoas que sen falar galego aspiran a vencer as barreiras de todo tipo que lle impeden o mínimo de seguridade precisa para facelo e que demandan mudanzas que faciliten a súa instalación na lingua propia de Galiza.

Para o voceiro de Queremos Galego é o pobo galego quen mantén a lingua viva, en solitario, e quen exerce as obrigas da Xunta de Galiza, conseguendo avances coa mobilización diaria. “Grazas ao activismo social o galego conseguiu pequenas vitorias que dan mostra forza do pobo galego, mais tamén de todo o que falta por avanzar”.

Propaganda fronte ao día día

Marcos Maceira denunciou tamén a política de propaganda do goberno galego co anuncio dun novo Plan, esta vez para a mocidade, e instou á Secretaría Xeral de Política Lingüísitica e ao Presidente Feixó, a comezar por eliminar as prohibicións de uso do galego e a consideración como lingua extranxeira no ensino.

Volver