Mobilización en Cafeterías Herculinas contra os abusos laborais e o despedimento dunha traballadora

A empresa rescindiulle o contrato tras reclamar o dereito a conciliar, cobrar polas horas reais de traballo e presentarse na candidatura da CIG
A Coruña - 27 Nov 2020

A CIG-Servizos da Coruña concentrouse esta mañá na Praza de Vigo para denunciar os abusos laborais, a persecución e o despedimento dunha traballadora de Cafeterías Herculinas, á que a empresa botou á rúa despois de ter que reclamar o seu dereito a conciliar, a cotizar e cobrar pola xornada efectiva de traballo e tras promover eleccións sindicais e presentarse na candidatura da CIG.

A protesta realizouse na Praza de Vigo, xa que neste lugar se atopan dous dos establecementos de Cafeterías Herculinas: Central Park e Roots. A empresa tamén é a propietaria de Eme Taberna Contemporánea, onde era camareira a traballadora despedida.

A propia afectada, Estafanía González, explicou que tras a incorporación ao traballo ao levantarse o estado de alarma, a empresa comunicoulle unha modificación unilateral da xornada que lle impedía coidar do seu fillo. Cando pediu volveu ao horario que tiña antes da pandemia, os propietarios negáronse, polo que se veu na obriga de acudir ao xulgado para poder exercer os seus dereitos de conciliación.

Traballar 42 horas pero cotizar só 30

De xeito paralelo, González e outras compañeiras e compañeiros comezaron a presentar reclamacións na Inspección de Traballo para que regularizar os contratos e que a empresa lle recoñecera as horas reais de traballo. Neste senso, González apunta que ela tiña un contrato por 30 horas semanais cando na realidade "facía xornadas de 42 horas polas que a empresa nin me pagaba nin cotizaba á Seguridade Social". Esta infracotización afecta seriamente ao salario que  percibe o persoal en ERTE xa que cobran o 70% da base reguladora, e no caso de Estefanía González, agora tamén supón "que cobro unha prestación por desemprego menor do que debería, deixándome nunha situación económica difícil".

De xeito paralelo ás denuncias na Inspección, González promoveu eleccións sindicais ás que a traballadora despedida concorreu na candidatura da CIG. En resposta, os propietarios de Cafeterías Herculinas lanzaron unha campaña de advertencias ao persoal e promoveron unha candidatura instrumental baixo as siglas da UGT para evitar que a CIG conseguira representación e que o persoal máis reivindicativo se puidese organizar.

Acoso, intimidacións e até catro sancións en tres meses

Pero non só iso, senón que a empresa comezou unha campaña de acoso e intimidación á traballadora, abríndolle até catro expedientes sancionadores en menos de tres meses, cando nos dous anos que levaba de camareira en Eme Taberna nunha fora obxecto de apercibimento. A última sanción, con suspensión de emprego e soldo de 30 días, foille comunicada cando estaba de baixa, precisamente a causa da ansiedade xerada polo acoso patronal.

Finalmente, o 5 de novembro chégalle a carta de despedimento disciplinario, "baseado nunha chea de mentiras e acusacións tan graves como que abrín as taquillas dos meus compañeiros e compañeiras". A medida vai ser recorrida en vía xudicial.

Para a CIG-Servizos estamos ante un caso claro de represalia contra a traballadora por ter reclamado o que lexitimamente lle corresponde, que ademais pretende ser unha medida exemplarizante para o resto do persoal.

Por iso, a CIG reclama o cese inmediato desta actuación patronal, que se cumpra co convenio colectivo, se respecte a liberdade sindical e os dereitos laborais e salariais do persoal. Pois tal e como se recolle no panfleto informativo repartido na concentración, "non podemos permitir que esta empresa, que nos bos tempos se ten lucrado a eito, vaia agora de pobriña beneficiándose de exencións e subsidios co diñeiros de todos/as mentres incumpre o convenio e despide traballadores/as que se organizan polos seus dereitos".