Mobilización o 10 de decembro en Compostela por un cambio radical nos Orzamentos da Xunta
A campaña ‘Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade’ que vertebra toda a acción sindical que a CIG está a desenvolver terá o mércores 10 de decembro o seu punto álxido, cunha manifestación nacional de persoas delegadas en Santiago en demanda dun cambio radical nos Orzamentos da Xunta para 2026, cuxa aprobación está prevista para o día 16. A central anunciou o pasado mes de setembro a posta en marcha dunha iniciativa que contempla mobilizacións e propostas para incorporar aos Orzamentos ante a grave situación económica e de perda de dereitos que atravesa Galiza.
O pasado 7 de outubro desenvolvéronse asembleas de persoas delegadas e protestas diante das sedes do Goberno autonómico nas sete cidades, xornada que serviu para abordar os seis grandes eixos sobre os que pivota a campaña: creación de emprego digno e industrialización; recuperación, ampliación e fortalecemento dos servizos públicos; desenvolvemento dun plan galego pola igualdade; posta en marcha dun sistema de atención ás persoas nunha única rede de xestión directa; creación dun parque de vivendas dignas públicas e dun banco galego de vivenda para aluguer social; e apertura dun proceso que supere o actual Estatuto de Autonomía para que se recoñezan os dereitos nacionais de Galiza.
De xeito paralelo, a CIG trasladou aos centros de traballo as principais liñas de actuación para garantir a eficacia dunhas propostas pensadas para afrontar os efectos das políticas “letais” para a sociedade galega que o PP está a aplicar na Xunta, “poñendo todo o público a disposición do negocio e da rendibilidade do capital e dos fondos de investimento, impoñendo un modelo de turismo desordenado e descontrolado e a eucaliptización do país, mentres agonizan importantes sectores produtivos e se afonda nun modelo que consolida a histórica xeración de graves desequilibrios territoriais, sociais e ambientais”, tal e como sinala o secretario xeral, Paulo Carril.
Emprego digno
As medidas da CIG contemplan un Plan galego de creación de traballo digno e industrialización que garanta unha transición enerxética xusta. Unha verdadeira política industrial pública que complete os ciclos produtivos no propio país e a creación dun Banco Público Galego. A aposta decidida polo emprego digno e con dereitos, garantindo ademais na FP dual e nos contratos formativos a obriga de contrato laboral e unha retribución polo tempo de traballo.
A recuperación, ampliación e fortalecemento dos servizos públicos para priorizar o benestar colectivo fronte aos intereses do capital, nomeadamente na sanidade e no ensino. E a exixencia de que a Xunta non subscriba Convenio coas Mutuas para a xestión de determinadas patoloxías, porque favorece a descapitalización do público en favor das empresas privadas. Un sistema público galego de servizos de atención ás persoas e a creación dun parque de vivendas dignas públicas e dun Banco Galego de vivenda para alugueiro social, xunto coa prohibición dos desafiuzamentos.
Ademais dun Plan Galego de Igualdade en cuxa elaboración teñen que participar todos os axentes sociais e políticos, garantindo o investimento público e a dotación de persoal necesario para atender a problemática da violencia contra as mulleres, comezando por darlle o peso político que merece.
E a apertura dun proceso que supere o actual Estatuto de Autonomía para que se recoñezan os dereitos nacionais de Galiza, porque “temos dereito a un desenvolvemento galego propio, a decidir sobre o noso modelo económico e social e a un marco galego de relacións laborais”, polo que o Parlamento galego “debe ter plenas competencias e de xestión en todas as materias e áreas”. A maiores de dispoñer dun sistema de financiamento propio, “cun réxime de concerto económico” co Estado e de proceder a unha “profunda e xusta” reforma fiscal.