Mobilízanse no SMAC en Pontevedra coincidindo co acto de conciliación polos despidos de Atunlo O Grove

Celebrarase xuízo tras non chegar a un acordo para deixar sen efecto as 14 rescisións de contrato inxustificadas
O Grove - 24 Mai 2022

A CIG, sindicato maioritario no comité de empresa da fábrica Atunlo do Grove, desenvolveu hoxe unha concentración diante do SMAC en Pontevedra coincidindo co acto de conciliación previo ao xuízo polos 14 despidos “totalmente inxustificados” que o compañía levou a cabo o pasado mes de abril. O proceso xudicial continuará tras non chegar a un acordo para a readmisión das persoas traballadoras afectadas”.

Segundo explica Mar Vila, da CIG-Salnés, a empresa personouse no acto mediante a representación dun asesor legal. Ao remate levantouse acta sen acordo, polo que o proceso xudicial continuará e queda pendente a celebración do xuízo no que a central sindical reclamará a nulidade das rescisións de contrato.

Ao mesmo tempo, anuncia que a CIG, como sindicato maioritario na compañía, continuará coas mobilizacións, fixando a seguinte para o vindeiro luns 30 de maio diante do Concello do Grove ás 12:00 horas. Vila avanzou tamén que xa solicitaron xuntanzas cos distintos grupos políticos con representación municipal “ao tratarse esta dunha das empresas máis importantes do sector industrial conserveiro da localidade”.