Moncho Reboiras, unha lembranza necesaria

Manuel Mera - 09 Ago 2023

Durante os derradeiros anos do franquismo e a transición Moncho Reboiras foi un símbolo, un exemplo a seguir no nacionalismo galego, que servía de referencia a moitas persoas, especialmente na mocidade, seu nome era un berro constante nas mobilizacións. O noso Che Guevara...

 Como pasa o tempo! Xa hai case medio século, 48 anos, que Moncho Reboiras foi asasinado en Ferrol pola policía da ditadura, o 12 de agosto de 1975. Reboiras foi unha figura clave no nacemento do sindicalismo nacionalista, tanto da Fronte Obreira da Unión do Pobo Galego na primavera de 1973, como posteriormente na constitución do Sindicato Obreiro Galego (SOG) en maio de 1975. Co remate da longa noite de pedra do franquismo, o SOG daría lugar á ING, logo á INTG, despois viría a ruptura en 1985 e posteriormente a unificación da INTG+CXTG na Confederación Intersindical Galega (CIG).

 Xosé Ramón Reboiras Noia pasou os seus anos mozos no barrio de Teis en Vigo, aínda que naceu en 1950 en Imo no concello de Dodro. Era unha persoa sensíbel, cunha perspectiva de clase solidaria e participativa. Tiña unha fasquía que daba confianza, falaba con acougo e cun certo sorriso. Ademais de dirixente da UPG, foi unha persoa clave na formación e consolidación das organizacións de masas (especialmente no ámbito sindical e cultural). Moncho era un cadro político con formación, que dedicaba a súa vida á militancia, organizando, gañando activistas e simpatizantes (na clandestinidade xa que eran tempos de ditadura). A súa prioridade era unha Galiza dona de seu, con xustiza social, co remate da emigración que estragaba o país, dunha nación coñecedora da súa historia, que dera pulo á súa cultura e á normalización lingüística..., coa participación e protagonismo das clases populares.

 A anterior é a valoración que sempre fixen de Moncho, tanto durante o medio ano nos que mantivemos unha relación política moi estreita, como cando seguimos camiños distintos respecto da táctica a empregar no momento pola UPG. No 1973 mantivemos bastantes conversas sobre a actividade política, xa que el traballaba en Isolux na Coruña e eu en Emesa, e convivimos un tempo nunha casa pequerrecha, nas peores condicións posíbeis, detrás da cadea, xunto con “Manolo de Remesar”. Aínda que xa o vira antes en Compostela, non houbo presentacións por razóns da clandestinidade e seguridade. O feito de que se constituíse o Cumio Executivo da UPG, no que ambos estabamos, axudou a que posteriormente, cando el se mudou ao Burgo, en Culleredo, e eu de novo a Compostela (traballando en Finsa) continuase unha relación estreita durante a segunda metade de 1973, xa ambos moi centrados na construción das bases dunha organización sindical.

 Naquel tempo falábase moi pouco da vida persoal e do pasado político de cada un, por cuestións de seguridade. Polo tanto, só moitos anos despois, facendo un artigo sobre Organización Obreira e a folga xeral de setembro de 1972 na comarca de Vigo, nunha entrevista con Ramón González (“o Dentes” de Barreras) deume detalles para min descoñecidos da súa vida anteriores ao meu retorno a Galiza (novembro de 1972). “O Dentes” lembrou a varios militantes de Organización Obreira (OO) que se sumaron ao sindicalismo nacionalista como Xosé Anxo García Méndez (Felipe), Óscar Duarte e Xesús Chaves (os dous primeiros xa falecidos)... e ademais falou da vinculación de Reboiras coa loita obreira de 1972. Afirmou que fora Moncho quen conseguira unha multicopista a OO para realizar a propaganda (nun lugar que sería logo atopado pola policía, facendo detencións). Recordaba, ademais, que mantivo un papel activo no conflito e seica participou en varias reunións da INTER (coordinadora dos delegados/as das empresas de Vigo opostos á ditadura). Ramón González valoraba a Reboiras como a persoa máis respectada da UPG por parte de OO durante a folga do 72 en Vigo.

 Non se pode entender a Galiza actual sen o soberanismo, sen o sindicalismo nacionalista, sen todas as persoas que fixeron e fan deste país a súa patria, dunha Terra que avance sen renunciar a súa historia e cultura, facendo o ser humano cerna de calquera tarefa e obxectivo. Isto non quere dicir exclusivismo ou illamento, mais abonda con repasar o proceso histórico do provincialismo, rexionalismo e nacionalismo galego para comprobar nas ideas e nos feitos que o soberanismo galego sempre defendeu o propio como contribución á riqueza da diversidade histórica, cultural e lingüística da humanidade. 

 Moncho Reboiras Noia foi un deses militantes exemplares que o deron todo, mesmo a súa propia vida, sen pedir ren en troque, por unha Galiza dona do seu presente e futuro, ou sexa, un país soberano e socialmente xusto. Durante os derradeiros anos do franquismo e a transición foi un símbolo, un exemplo a seguir no nacionalismo galego, que servía de referencia a moitas persoas, especialmente na mocidade, seu nome era un berro constante nas mobilizacións. O noso Che Guevara... Corenta e oito anos despois segue sendo referente de dirixente e militante exemplar... Hoxe moitos mozos e mozas non saben del, da súa entrega, e do que fixo unha gran parte daquela xeración na loita contra o franquismo e a prol da democracia, da igualdade, da solidariedade, do ecosistema, da paz... En realidade, temos neste intre todo tipo de medios para nos informar, mais pouco sabemos daquela xeración e das posteriores, mesmo do que hoxe sucede, porque existe un control inmenso no eido das ideas, da contextualización dos acontecementos... Agóchanse as loitas sociais e faise da política un espectáculo. En fin, mais este é outro tema, aínda que sexa fundamental analizalo e debater as medidas para superar axeitadamente este muro. 

 

[Galiza, 9 de agosto de 2023]