Nace Vía Galega, plataforma social para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza

A xuntanza constituínte tivo lugar este sábado en Compostela

Nacional -

Representantes de 40 entidades e colectivos de carácter social participaron esta mañá na xuntanza que pon a andar "Vía Galega", unha plataforma social que partindo da premisa de que Galiza é unha nación e como tal ten dereito a exercer libremente a súa autodeterminación, busca organizar a sociedade galega arredor da reivindicación destes dous principios.

Na xuntanza, que tivo lugar no local sindical da CIG en Compostela, aprobouse dotar á nova entidade co nome Vía Galega, Plataforma social para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza, unha denominación que xa fora proposta nunha xuntanza previa;  recolléronse ideas para a elaboración da imaxe gráfica da entidade; acordouse legalizar a plataforma como asociación cívica; e editar o manifesto onde se recollen as motivacións e obxectivos da entidade.

Así mesmo, concretouse o calendario de actuacións a desenvolver ao longo deste 2018 para dar a coñecer Vía Galega e os seus obxectivos por todo o país. O primeiro destes actos consistirá na presentación pública da propia plataforma o vindeiro 3 de marzo en Compostela. Aínda que fica pendente escoller o lugar, a intención das entidades e colectivos é facer un acto en Conxo, coincidindo coa conmemoración daquel histórico Banquete de Conxo.  

Posteriormente, realizaranse actos de presentación no resto das cidades galegas entre os meses de marzo e abril, e non se descarta convocar actividades tamén noutras vilas e localidades do país. E está na axenda facer unha presentación da Plataforma e os seus obxectivos a todas as forzas políticas galegas.

Carta dos Dereitos do Pobo Galego

Outro dos grandes retos que se marca o colectivo para este ano é a elaboración e promoción dunha Carta dos Dereitos do Pobo Galego, que se aprobaría nunha asemblea nacional a celebrar en Lugo o vindeiro 17 ou 18 de novembro, co gallo do centenario da Asemblea Nacionalista de Lugo e a modo de homenaxe o labor dos homes e mulleres das Irmandades da Fala que reclamaron o recoñecemento de Galiza como nación, o seu dereito a ter plena autonomía e  o galego como a nosa lingua propia.

Xunto a este calendario, o colectivo adianta que convocará accións e mobilizacións para dar resposta a calquera ataque aos dereitos de Galiza.

Finalmente, quedou constituído Plenario e a Coordinadora Nacional. Esta última fica integrada por representantes das fundacións que promoveron esta iniciativa e a maiores unha persoa por cada un dos ámbitos presentes: a CIG polo movemento obreiro; FRUGA e a Organización Galega de Montes Veciñais en Mancomún  polo eido rural;  Erguer polo estudantil; Galiza Cultura polo cultural; e Mar de Lumes no campo da solidariedade internacionalista. A maiores, quedou pendente de nomearse unha representación do sector da música tradicional, os deportes, o ecoloxismo e dos centros sociais.

Pero este, destácase dende a Plataforma, “é un proceso que se mantén aberto á incorporación de novas entidades, que asumindo os dous principios básicos, poderán integrarse na Coordinadora e o Plenario”.

Visibilizar Galiza

Vía Galega parte da iniciativa de sete fundacións do eido do soberanismo galego (Artábria, Alexandre Bóveda, Galiza Sempre, Manuel María, Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Vía Galego) que o pasado 16 de decembro mantiveron unha primeira toma de contacto con colectivos e entidades sociais de todo o país. Neste senso, dende o colectivo subliñan que  Vía Galega non nace con interese político electoral de ningún tipo, "pretendemos que sexa unha iniciativa o máis aberta posíbel -na base da aceptación deses dous principios fundamentais-, e na que as tomas de decisión se fagan sempre por consenso".

A partir de aí, engaden, o obxectivo sería facer campaña na sociedade galega e promover iniciativas de todo tipo para popularizar e crear conciencia arredor da realidade nacional galega e do dereito de Galiza a exercer libremente a súa autodeterminación.

A posta en marcha de Vía Galega vén motivada pola propia situación socio económica do noso país, marcado pola destrución dos sectores produtivos, a falta de emprego para a nosa mocidade que se ve forzada a emigrar, a perda do sector financeiro, os espolio dos nosos recursos naturais, as políticas industrias de corte colonialista, os recortes nos servizos públicos, etc. Unha realidade que hai que vincular a ausencia de soberanía e a falta de capacidade de decisión.

Neste liña, a Plataforma busca que Galiza non quede marxinada do debate territorial que se poida dar, senón que actúe como un suxeito visíbel. "Queremos aglutinar a sociedade arredor desta realidade e que Galiza teña presenza plena nese posíbel debate".

Listado de entidades que asistiron á xuntanza deste sábado:

Fundación Galiza Sempre, Centro Social Gomes Gaioso, Asociación Cultural Roxín Roxal, Asociación de Veciños/as Agra do Orzán, Fundación Manuel Murguía, Asociación Cultural e Musical Solfa, Asociación de Emigrantes Retornados Marusía, Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Organización Galega de Montes Veciñais en Mancomún , FRUGA, AS-PG, Asociación Cultural Lúa Chea, CIG, Mar de Lumes, Sociedade Cultural Medulio, AJA Galiza José Afonso,Asociación Cultural O Galo, Asociación Cultural Centáuria, Asociación Cultural O Castro, Fundación Terra e Tempo, Fundación Alexandre Bóveda, Fundación Ernesto Guerra da Cal, Fundación Moncho Reboiras, Asociación Cultural Auriense, ERGUER, Asociación pola Protección Animal Aveiro, Fundación Artabria, Sociedade Cultural e Deportiva do Condado, Sociedade Cultural e Deportiva Minas de Salvarosa, Asociación Cultural Cultura do País.

Volver