Neoliberalismo e migración: unha visión desde África

Ndongo Samba Sylla - 17 Xun 2019

Até certo punto, a migración desesperada desde África é o resultado das políticas neoliberais despregadas no continente polos seus gobernos baixo os auspicios da axenda globalista da Unión Europea, os Estados Unidos, as Institucións Financeiras Internacionais, a Organización Mundial do Comercio, etc.

 A “migración” de África a Europa tende frecuentemente a ser descrita como un drama humano, agravado pola política da Unión Europea (UE) de externalizar as súas fronteiras en África, mediante a creación dos chamados “hotspots”, é dicir, centros para clasificar e conter os africanos que se converterían en migrantes. Esta perspectiva “humanitaria”, por crucial que sexa, débese completar cunha análise da economía política mundial centrada nas causas económicas fundamentais do fenómeno da migración desesperada de África a Europa. Digo “migración desesperada” porque é importante non falar de migración en abstracto e como tal especificar a que tipo de migración nos referimos. Despois de describir brevemente algúns conceptos erróneos sobre a migración africana e a dereitización do concepto de migrante nos medios de comunicación occidentais e nos discursos políticos, tratarei de mostrar como o neoliberalismo intensifica a migración desesperada en África, tomando como caso de estudo a Gana e por que as políticas anti-migración da Unión Europea (UE) son miopes e autodestrutivas.

Algúns conceptos erróneos sobre a migración africana

 Malia a impresión ofrecida polos medios de comunicación, os “migrantes” son actualmente unha especie bastante rara. E a maioría son occidentais! Menos do 4% da poboación mundial vive nun país distinto do seu país de orixe. Malia o seu menor peso demográfico, os países ricos representaron case o 50% do crecemento dos fluxos migratorios desde 2000.

 En África, o 80% da migración é de carácter rexional. É dicir, os migrantes africanos na inmensa maioría dos casos permanecen en África, e en particular na súa veciñanza rexional. Cando os africanos emigran a países da UE, máis do 90% deles residen legalmente neles.

 Tamén hai que dicir que o discurso demagóxico sobre a migración africana agocha a modestia dos fluxos procedentes de África. Entre 2010 e 2017, a migración de África á UE aumentou un 7%. Porén, o que non se recoñece é que no mesmo período o crecemento dos inmigrantes europeos en África aumentou nun 19%(1). E así e todo, non vimos os africanos laiárense da migración europea.

Quen son os migrantes?

 Segundo o dicionario, a palabra migrante refírese a individuos ou poboacións que se desprazan voluntariamente dun país a outro ou dunha rexión a outra por razóns económicas, políticas ou culturais. Porén, esta palabra, tal como se utiliza nos medios de comunicación e nos discursos políticos, en particular os da extrema dereita, corresponde a un uso moi específico. Para estes últimos, o concepto de “migrante” é máis ou menos sinónimo de “estranxeiro indesexábel”. A proba é que os europeos que abandonan o seu país para ir a outro país europeo non están cualificados como “migrantes”, nin tampouco os nacionais de países occidentais que decidiron establecerse noutro país occidental en xeral. Os gregos e portugueses que, fuxindo das consecuencias das políticas de austeridade, se instalan en Alemaña non son considerados como “migrantes” polo discurso dominante. Do mesmo xeito, os nacionais máis cualificados do Sur Global que viven e traballan en Occidente están excluídos do discurso sobre os “migrantes”. Europa non chama “migrantes” aos médicos, atletas, científicos, etc. africanos que traballan dentro das súas fronteiras. Estes non son un “problema”. Cando se trata da materia gris africana, non hai ningún problema de migración. Así, o médico ganés que exerce en Londres non é un “migrante”. Doutra banda, o campesiño ganés que chegou a Europa nun barco improvisado é en realidade un “migrante”. Noutras palabras, a linguaxe dominante de hoxe en día considera como “migrantes” as poboacións non occidentais que desexan establecerse en Occidente que non son nin ricas nin cualificadas, é dicir, as demostracións indesexábeis do Sur Global. Polo tanto, hai que recoñecer a actual titularidade do concepto de “migrante”.

 Desde un punto de vista crítico-humanístico, é de suma importancia revelar esta manipulación conceptual dereitista denominando as cousas correctamente. De feito, os “migrantes” dos que fala a opinión conservadora deberían ser considerados máis ben como “vítimas da globalización”.

Por que o neoliberalismo intensifica a migración desesperada

 A globalización neoliberal ten a particularidade de promover a libre circulación de capitais, bens e man de obra cualificada. Non fai falta demostrar o crecemento significativo dos fluxos financeiros internacionais e do comercio internacional. Así e todo, é menos coñecido o feito de que o crecemento da emigración de traballadores cualificados foi maior que o do comercio internacional. En contraste, a globalización neoliberal penaliza severamente o movemento de man de obra non cualificada, particularmente no eixe Sur-Norte. Por exemplo, para o África subsahariana, a taxa de emigración aos países da OCDE en 1990 e 2000 foi do 0,3 e o 04%, respectivamente, para os traballadores non cualificados e do 13,2 e o 12,8% para os traballadores altamente cualificados.(2)

 Até certo punto, a migración desesperada desde África é o resultado das políticas neoliberais despregadas no continente polos seus gobernos baixo os auspicios da axenda globalista da Unión Europea, os Estados Unidos, as Institucións Financeiras Internacionais, a Organización Mundial do Comercio, etc. O caso dos migrantes ilegais de Gana en Europa é un exemplo elocuente desta afirmación, e da relación entre as políticas de liberalización do comercio e a migración desesperada(3).

 Aínda que Gana é un país estábel, protexido fronte a réximes ditatoriais, conflitos interétnicos ou interrelixiosos, etc., o número de solicitantes de asilo ganeses en Europa é superior ao dos solicitantes de asilo libios. En canto á súa poboación, Gana ten máis solicitantes de asilo que Nixeria, que sofre a difícil situación de Boko Haram. Gana era un país autosuficiente en termos de produción de tomate. A finais dos anos noventa, coa liberalización deste sector, as importacións de tomates aumentaron un 650% entre 1998 e 2003. Durante este quinquenio, a proporción da produción nacional de tomate diminuíu do 92% ao 57%. En 2006, Gana converteuse no segundo maior importador mundial de tomates malia a súa autosuficiencia no produto. As importacións procedían principalmente de China e tamén de Italia. O 40% das latas de puré de tomate importadas proviñan de Italia. Porén, estas importacións procedentes de Italia estaban moi subvencionadas. As subvencións cubrían até o 65% do prezo do produto final. Esta liberalización do comercio levou á creba dos produtores de tomate de Gana, especialmente nas rexións de Navrongo e Brong-Ahafo. Algúns produtores ganeses suicidáronse. Outros tomaron o camiño da emigración a Italia para recoller tomates!

 O que xa se dixo dos produtores de tomates de Gana é válido para os produtores de polos dese país. En 1990, os polos consumidos en Gana producíanse integramente in situ. Coa liberalización do comercio, a cota de mercado dos gandeiros de Gana diminuíu ao 11% en 2000 e ao 3% en 2017. A rexión de Brong-Ahafo foi vítima da liberalización das importacións de produtos avícolas conxelados. A maioría dos migrantes ilegais de Gana a Europa proveñen desta rexión.

 O vínculo entre a liberalización do comercio e a migración desesperada non o esqueceu o ex presidente de Gana, John Mahama. Declarou durante a Asemblea Xeral da ONU de 2016: “Algúns dos mozos africanos que se arriscan a cruzar o deserto e o mar Mediterráneo para chegar a Europa desde o meu país son mozos avicultores ou outros empresarios que venden as súas tendas e emprenden a viaxe porque xa non poden competir coas toneladas de polo conxelado que se verten anualmente nos mercados africanos”.

 O caso de Gana ilustra a crecente irracionalidade do sistema capitalista. Por unha banda, os produtores africanos ven como se destrúen os seus medios de subsistencia e, en consecuencia, vense obrigados a asumir riscos aloucados para vir a Europa. Se conseguen chegar a Europa e obter unha actividade económica, reciben un salario baixo e están constantemente baixo o temor de ser repatriados. Por outra banda, o diñeiro dos contribuíntes da UE utilízase para subvencionar produtos non competitivos que destrúen a vida de millóns de persoas en África. En xeral, os contribuíntes perden; os produtores e as economías africanas perden; os migrantes tamén perden, xa que están sobreexplotados e separados das súas familias. Os capitalistas son o colectivo social que se beneficia principalmente desta situación.

 É importante sinalar a incongruencia moral que implica a actual orde mundial neoliberal. A postura de Europa (e dos países occidentais en xeral) consiste en dicir que os bens e o capital que circulan son moralmente máis importantes que as vítimas pobres que queren chegar ás súas fronteiras por ver os seus medios de vida destruídos polas políticas de liberalización comercial e financeira. O discurso dominante europeo sobre a migración baséase implicitamente no caso de que a circulación mundial de bens e finanzas é moralmente máis significativa que a circulación de seres humanos en busca de solidariedade e mellores perspectivas económicas.

A imposíbel Trindade(4)

Mais as políticas da UE son miopes e contraproducentes. Segundo Branko Milanovic(5), non se pode manter 1º a actual globalización capitalista, 2º as enormes e crecentes diferenzas nos ingresos medios entre países ricos e pobres, e 3º a limitada mobilidade laboral. Só dous destes tres elementos poden manterse á vez, pero non os tres ao mesmo tempo.

 A diferenza media de ingresos entre países ricos e pobres aumentou desde o século XIX co comezo do colonialismo europeo en África e Asia. En 1820, o ingreso medio de Gran Bretaña e os Países Baixos, os dous países máis ricos da época, era tres veces superior ao de China e a India, os dous países máis pobres da época. Hoxe en día, o ingreso medio do país máis rico é 100 veces máis alto que o do país máis pobre.

 Outra característica interesante dos países ricos é que se converteron de feito en “aristocracias”. Ninguén elixe os seus pais ou o seu lugar de nacemento. Porén, a escala mundial, estes dous factores “arbitrarios” representan o 80% das desigualdades de renda entre os cidadáns do mundo(6). Na escala do sistema capitalista mundial, hai polo tanto un “plus de clase” e un “plus residencial”. Aqueles nados de pais educados/ricos e en países ricos reciben un gran plus ao nacer. Polo tanto, non nacemos iguais, malia as moitas proclamas que afirman o contrario. Vivimos nun mundo aristocrático!

 Hai que sinalar que o “plus residencial” foi eficaz até o de agora porque os países ricos lograron establecer barreiras extraordinarias que puideron disuadir a emigración dos cidadáns dos países pobres. De feito, coas actuais taxas de emigración que podemos observar, necesitaríanse dous séculos para trasladar ao 10% da poboación mundial dos países pobres aos países ricos(7). Sen estas políticas migratorias restritivas, sería difícil entender por que un condutor de autobús en Suecia debería gañar un salario por hora, digamos 50 veces máis alto, ao tipo de cambio actual, que un traballador medio en similar emprego na India(8).

 O punto é o seguinte: canto máis tempo continúe o sistema capitalista actual, máis se crearán formas desesperadas de emigración. E canto máis desesperadas se desenvolvan as formas de emigración, máis aumentará a violencia das súas políticas represivas contra a emigración en Occidente, e nomeadamente na UE.

Conclusión

 Un sistema mundial digno non debería traballar arreo ara transformar a máis e máis cidadáns africanos en “migrantes desesperados”, como ocorre hoxe en día, senón máis ben para deter o que o filósofo Michael Walzer chama “a primeira forma de migración ilegal”: a lóxica destrutiva do capital. Como traballar neste sentido? A UE e outros países desenvolvidos deberían: 1º: poñer fin aos acordos inxustos de comercio e investimento; 2º: poñer fin á militarización do continente africano; 3º: axudar o continente africano a facer fronte ao cambio climático; e 4º: apoiar de xeito coherente e sostida os esforzos de África por lograr un verdadeiro desenvolvemento económico.

_____________________________________________________________________________

Referencias:

(1) Carlos Lopes, “Africa will not invade Europe”, 22 outubro 2018, https://www.kapitalafrik.com/2018/10/22/carlos-lopess-podium-africa-will-not-invade-europe/

(2) F. Docquier and H. Rapoport (2011) “Globalization, brain drain and development”, Discussion Paper 2011-9, Institut de Recherches Economiques et Sociales de Louvain.

(3) D. Bauwens, N. Ibekwe, K. Talabi (2017) “Europe in Africa: The Price of Partnerships”, Premium Times, 11 November, https://www.premiumtimesng.com/news/headlines/249016-investigation-europe-africa-price-partnerships.html

(4) Esta sección refírese a N.S. Sylla (2015) « Damnés de la mer, damnés du capitalisme : Réflexion sur le phénomène Lampedusa”, Pambazuka, 13 maio.

(5) B. Milanovic (2012) The haves and the have-nots. A brief and idiosyncratic history of global inequality, New York, Basic Books.

(6) Ibid.

(7) Ibid.

(8) H-J. Chang (2010) 23 Things they don’t tell you about Capitalism, Bloomsbury Press.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Kaos en la Red, do 11 de xuño de 2019]