Non hai espazo nas rúas da Galiza para a LGTBI fobia

CIG anima a participar nas concentracións en repulsa ao paso do bus de Hazte Oír por Compostela
Nacional - 04 Mai 2017

A CIG denuncia a hipocrisía do goberno do Partido Popular, quen aprobou hai un ano o Protocolo educativo para garantir a Igualdade de xénero, a non discriminación e a liberdade de Identidade de xénero das/os menores trans, mais permite e consinte que a organización ultracatólica Hazte Oír pasee o "bus da xenreira" polas rúas de Compostela e, en vindeiras, datas noutros lugares de Galiza.

Non é casual que o bus se desprace ao noso país o día anterior a que as organizacións ARELAS, AMIZANDO e ULTREIA se reúnan no Parlamento galego para achegar aos grupos políticos a iniciativa para poñer en marchar unha Lei galega de Identidade de Xénero que recoñeza os dereitos do colectivo trans, e ás portas da conmemoración dun novo 17 de maio, Día internacional de combate da LGTBI fobia.

É preciso abordar a diversidade afectivo sexual desde un enfoque global que axude a previr calquera discriminación homofóbica e transfóbica e revisar a cultura heteronormativa que existe na sociedade. Poñer en marcha políticas reais antidiscriminación e antiacoso que especifiquen a orientación afectivo sexual e a expresión de xénero; formación do profesorado, dos servizos sociais e de saúde para saber como actuar naquelas situacións de acoso e vitimización relacionadas coa orientación afectivo sexual e a expresión de xénero; introdución no currículo de información acerca das diferentes orientacións afectivo sexuais e expresión de xénero.

En definitiva: normalizar, educar na aceptación e normalización de calquera tipo de mostra de afecto entre persoas, independentemente da súa orientación ou identidade sexual, o cal significa aceptar sen prexuízos a diversidade.

Concentracións en Compostela

Non hai espazo nas rúas da Galiza para a LGTBI fobia. Por iso, dende a CIG facemos un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas en Compostela en repulsa ao "bus da xenreira", contra a discriminación e a prol da diversidade:

- Xoves, quinta feira, 4 de maio, ás 20 horas na praza 8 de marzo.

- Venres, sexta feira, 5 de maio, ás 12 horas na Praza do Obradoiro.