Non se pode asumir a normalidade dos asasinatos machistas, estamos ante un feminicidio invisibilizado

Centos de persoas volveron saír ás rúas este mércores para rexeitar a violencia contra as mulleres
Nacional - 23 Feb 2017

Centos de persoas volveron saír ás rúas das cidades e vilas para amosar o rotundo rexeitamento á violencia machista, logo do asasinato de María José Mateo a mans da súa exparella. Unhas concentracións convocadas polo feminismo galego, nas que se puxo de manifesto que "non podemos asumir a normalidade do feminicidio", cando nos últimos cinco anos, medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista.

"Estamos fartas da violencia, mais tamén da resposta das institucións ás agresións. Este é un síntoma que nos indica que non vivimos nunha democracia", denunciouse durante as protestas, nas que se demandou "menos discursos" institucionais e máis recursos para combater "un feminicidio invisibilizado e mesmo recentemente negado nos medios de comunicación".

Unha vez máis, nas protestas volveuse pór o acento no tratamento informativo que se dá aos asasinatos machistas, con noticias que enmascaran a xénese real dos mesmos, poñen o acento nos aspectos morbosos, buscan xustificacións de toda índole para o asasino e incluso tentan culpabilizar á vítima.  En definitiva, trátase de ocultar a compoñente machista do feminicidio. 

Unha actitude que non é exclusiva dos medios de comunicación, senón, advertiron, que "dende varios estamentos se está pretendendo impoñer unha cortiña de fume e reducir os feminicidios á espiral da violencia, a un sentimento innato coincidente no ser humano, desposuíndoo de xénero".

Neste senso, nas concentracións advertiuse que non é casual que estas declaracións se produzan agora que comeza a percibirse un rexeitamento social á violencia machista e que a cidadanía comeza a decatarse da magnitude dos feminicidios.

Porén, "mentres este sistema patriarcal non se erradique, este sistema que se perpetúa baixo a premisa de que non somos donas de nós, que somos propiedade dos homes, nin haberá democracia nin pode haber igualdade real". "Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Deberan ser os últimos".