Nova mobilización contra a zonificación escolar de Vigo

Os colectivos opositores desenvolveron unha concentración diante da Xunta
Vigo - 16 Feb 2018

A cidade de Vigo acolleu hoxe unha nova mobilización para rexeitar a proposta de zonificación escolar remitida pola Inspección Educativa e reclamar que se paralice a súa tramitación e que se abra un proceso participativo. Representantes dos máis de 25 colectivos que se opoñen ao proxecto -entre eles a CIG- participaron na concentración convocada pola Federación Olívica da Asociación de Nais e Pais (Foanpas) diante do edificio da Xunta, onde deron lectura a un comunicado que foi entregado finalmente por rexistro.

A protesta tiña por obxectivo expresar novamente o rexeitamento á proposta de zonificación remitida pola Inspección Educativa e solicitar unha vez máis a paralización da súa tramitación e a apertura dun proceso de participación e consenso da comunidade educativa na elaboración do novo mapa escolar.

Os colectivos lembran que o pasado 12 de xaneiro xa se mobilizaran diante do edificio autonómico e entregaran un escrito demandando que a proposta volvese ao seu punto de partida e se paralizase a súa tramitación.

Tamén solicitaran, dada a importancia que esta cuestión implica para a comunidade educativa da cidade, que o proceso de elaboración dunha nova proposta fose participativo, reflexivo, transparente e consensuado. “Na data de hoxe, 16 de febreiro, seguimos a esperar; a Administración proclama que o proceso, participativo, segue aberto; pero non existe tal proceso participativo”, denuncian.

O Consello Escolar segue sen recibir unha proposta

Ao mesmo tempo, critican que o Consello Escolar Municipal, órgano de consulta e participación da cidade de Vigo no que está representada toda a comunidade educativa, segue sen recibir, por parte da Administración, unha proposta a debate.

Entenden que esa sería a canle de participación máis axeitada, posto que recolle as achegas dos diferentes sectores da comunidade. “O proceso non poderá ser participativo, reflexivo, transparente e consensuado se a Administración non se abre á participación, á reflexión, á transparencia e á procura do consenso global da comunidade educativa”, rematan.