Nova mobilización en Ferrol contra o bloqueo patronal á negociación do convenio colectivo da sanidade privada

Este luns as protestas trasladáronse até o Hospital Juan Cardona
A Coruña - 17 Out 2016
CIG-Saúde, UGT e CCOO continuaron estes luns co calendario  de mobilizacións acordado para instar á patronal da Sanidade Privada a impulsar un proceso de negociación real do convenio colectivo provincial. Logo das protestas realizadas en Compostela e A Coruña, este luns realizouse unha concentración diante do Hospital Juan Cardona de Ferrol.

Este calendario de mobilizacións responde á falta de avances na negociación do convenio colectivo pola negativa da patronal a modificar a súa proposta inicial. Proposta que descarta calquera modificación e/ou mellora das condicións laborais, só ofertando un miserento incremento salarial do 0,625 %. "Porén, a patronal demanda unha vixencia do convenio de tres anos, hipotecando así as condicións laborais dos traballadores e traballadoras durante este tempo".

"Transcorridos meses e meses, a patronal segue a rexeitar calquera iniciativa que supoña un avance nas condicións de traballo, pretendendo manter o persoal sen ningunha mellora nin laboral, nin salarial durante o máximo tempo posíbel", denuncian.

As centrais sindicais denuncian tamén que a patronal obstaculiza a negociación do convenio colectivo, ao negarse unha e outra vez a mover as súas posicións, falseando o proceso e converténdoo nun paripé.