Nova protesta diante de Froiz en Ourense para reclamar o cumprimento do convenio

A CIG denuncia excesos de xornada, cambios de posto e prohibición de gozar dos días de asuntos propios
Ourense - 29 Dec 2017

Traballadoras/es e delegadas/os da CIG-Servizos de Ourense desenvolveron hoxe unha nova mobilización diante dun supermercado da marca Froiz, nesta ocasión na rúa da Concordia, para denunciar que a empresa incumpre o convenio colectivo do sector do Comercio de Alimentación que asinou. En concreto, sinalan a continua realización de excesos de xornada, os traslados e cambios de postos sen xustificación e a prohibición de gozar dos tres días de asuntos propios.

A protesta desenvolveuse a partir das 11:00 horas diante do establecemento e nela participaron os secretarios comarcais da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, e da federación de Servizos, Natividad Álvarez. Dende a central explican que con esta mobilización pretenden denunciar publicamente “o que se agocha detrás das campañas de marketing e deseño desta cadea de supermercados: unha cruel realidade, como é a negación dos dereitos das súas traballadoras/es”.

En concreto, sinalan a modo de exemplo a continua realización de excesos de xornada, os traslados e cambios de posto sen xustificación e a capricho e a prohibición na práctica de gozar os tres días de asuntos propios que recolle o convenio. “Queremos denunciar publicamente estas irregularidades e esixirlle aos responsábeis de Froiz que cumpran o convenio colectivo que eles/as mesmos/as asinaron o verán pasado”.