Nova vítima dos recortes nos servizos públicos: o taller de Meicende de Medio Rural

A CIG-Administración denuncia o desmantelamento deste servizo dedicado ao mantemento do parque móbil da Consellaría

A Coruña -

A Consellería de Medio Rural conta dende os seus inicios cun taller para o mantemento do seu parque de automóbiles, herdado do vello ministerio e case que museo da automoción por algunha das pezas que conserva. Porén, denuncia a CIG-Administración da Coruña, a Consellaría está a desmantelar o taller (situado en Meicende e próximo á refinería) e a crear un novo negocio para empresas externas.

Destacan que os talleres do resto das provincias funcionan e apuntan á racionalización de recursos que suporía ampliar o uso destes servizos a outras consellerías. "Mais a corrente neoliberal imperante impón que, con independencia de razóns económicas, a Consellería desmantele o taller".

Este proceso vénse preparando dende hai tempo, engade Eduardo Freire, Secretario Comarcal da CIG-Administración da Coruña, pois os contratos de remuda realizados por xubilacións parciais anticipadas estanse incorporando a traballos distintos aos do taller e noutros servizos, coma pode ser o de incendios. Deste xeito, "o taller vai sendo desmantelado paseniñamente, con cada xubilación. Co achegamento á xubilación completa o abandono queda consolidado".

Freire advirte que o taller,  co seu equipamento, "está a ser estragado, abandonando e descoidando a Xunta de Galiza o seu propio patrimonio, co único propósito de crear un novo negocio para o ámbito privado, malgastando as inversións realizadas no pasado nas instalacións. E todo isto acontece sen a mínima xustificación económica".

As consecuencias deste desmantelamento son obvias:  un encarecemento do servizo público e un adelgazamento do emprego público, "substituíndose emprego de calidade por emprego precario, altamente precarizado grazas á reforma laboral".

Volver