Nova xornada de mobilización polo convenio do metal da Coruña

Delegados/as do sector concentráronse diante de IMASA
A Coruña - 09 Mai 2017

Delegados e delegadas do sector do metal da provincia da Coruña proseguiron este martes co calendario de mobilizacións en rexeitamento ao bloqueo patronal e para esixir un convenio colectivo que recolla melloras salariais e sociais. Nesta ocasión, a concentración realizouse diante das oficinas de IMASA -unha das patronais con presenza na mesa de negociación- na cidade da Coruña.

A protesta convocada pola CIG-Industria, CCOO e UGT é a terceira que se realiza en menos de 15 días e as centrais sindicais xa advertiron que estudan novas accións logo de que na reunión do pasado 4 de maio non se producira ningún avance significativo, a causa da postura inmobilista que mantén a patronal.

Neste senso, dende CIG-Industria chaman os traballadores e traballadoras do sector a continuar coa mobilización como única forma de premer á patronal para que sente a negociar un convenio xusto que permita dignificar as condicións laborais e salariais.

Cómpre lembrar que xa hai dous anos e medio que comezaron as negociacións para o novo convenio provincial de siderometalurxia, pero neste tempo a patronal non só non aceptou practicamente ningunha das demandas da parte social senón máis ben pretendía recortar dereitos xa conquistados.

Para iso, a patronal aproveita as facilidades introducidas nas contrarreformas laborais e, nomeadamente a da negociación colectiva, promovendo ademais convenios de empresa de ámbito estatal.

Aínda que parte das pretensións da patronal foron paralizadas, esta mantén a intención de introducir a distribución irregular da xornada e eliminar a revisión salarial. Fronte a este ataque, para a CIG-Industria é fundamental que o novo convenio recolla a subrogación para o persoal das contratas, regule as gardas localizadas fóra de xornada, recupere a revisión salarial, mellore as licencias retribuídas, limite o uso das ETTs, así como conseguir un incremento salarial que permita recuperar o poder adquisitivo perdido.