Nova xornada de protestas do persoal de Pescanova Arteixo en demanda dun convenio digno

A empresa mantén unha proposta de incremento salarial adicional totalmente insuficiente
Arteixo - 27 Xul 2022

O persoal de Pescanova Arteixo volveuse concentrar este mércores diante da  oficina principal de Abanca na Coruña en demanda dun convenio colectivo digno e un incremento salarial xusto que permita recortar as diferenzas cos salarios que se perciben no resto dos centros que o grupo empresarial ten en Galiza.

A concentración realízase diante de Abanca por ser esta entidade a propietaria do 98% do accionariado do grupo Nova Pescanova, polo que, subliñan, o banco ten responsabilidade directa para mediar na busca dunha solución definitiva ao conflito e acadar un convenio que satisfaga ás partes implicadas e traia a paz social ao grupo.

A representación do persoal lembra que nestes momentos o único que impide chegar a un acordo é a postura intransixente da empresa, que teima na súa insuficiente proposta económica. Neste senso, o comité explica que, ademais do incremento porcentual igual ao xa pactado nos outros centros de Nueva Pescanova para cada un dos anos de vixencia do convenio, estáselle reclamando a empresa unha suba de 190 euros/anos por traballador/a.

Este incremento adicional ten como obxectivo recortar as diferenzas entre os salarios que se perciben no resto de plantas e os salarios que ten o persoal do centro industrial de Arteixo. Pero na última reunión de convenio, Pescanova limitouse a ofrecer 110 euros ao ano por persoa, o que na práctica  e repartido en 12 mensualidades, suporía unha suba de 9 euros ao mes. Unha contía totalmente insuficiente.

O comité subliña que está aberto a seguir negociando coa empresa e a manter todas as xuntanzas que sexan precisas, mais deixa claro que a súa liña vermella está na última proposta de incremento salarial de 190€/ano por persoa. "A parte social, reiteran, xa fixo todas cantas rebaixas podía facer, polo que agora lle toca a empresa moverse nas súas posturas e asumir as xustas e lexítimas demandas do persoal, que foi quen sostivo a empresa nos momentos máis difíciles e quen non deixou de traballar nin un día durante a pandemia".

A este respecto, xa avanzaron que as protestas continuarán se a empresa se mantén na súa irrisoria proposta e non descartan mesmo intensificar as medidas de presión nos vindeiros meses.