Novas mobilizacións de bombeiros comarcais tras Xunta e Deputacións faltar á xuntanza co comité de folga

Acordaron en asemblea manter a súa negativa a realizar servizos extraordinarios voluntarios
Nacional - 16 Out 2023

Máis dun centenar de traballadoras e traballadores do colectivo de bombeiros forestais, das catro provincias galegas, participou, o pasado mércores, na asemblea de urxencia convocada tras da Xunta e as 4 Deputacións Provinciais faltar ao seu encontro co Comité de Folga, que representa ao colectivo de Bombeiros Comarcais de Galicia. No encontro acordáronse e ratificáronse medidas, entre outras, a convocatoria de mobilizacións para os días 20, 23, 27 e 31 de outubro, e unha manifestación para o vindeiro día 17 de novembro.

No comunicado remitido ao remate da asemblea manifestan o seu descontento “coa actitude das administracións e o nivel de fartura que acusan os traballadores do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, sumado á falta de confianza que teñen nas institucións, fixo que o aluvión de ideas que se expuxeron requirisen dunha fase de debate importante na que se sopesaron medidas de moi amplo calado, aínda que desde o Comité de Folga insistiuse en analizar unicamente aquelas propias do dereito sindical”.

Nada de tarefas voluntarias

O colectivo mantén a postura implantada desde o comezo da folga, o pasado 15 de xuño, no referido á non realización de servizos extraordinarios voluntarios. “Esta medida está a demostrar sobradamente que o servizo carece do persoal suficiente mesmo para garantir uns cuestionados servizos mínimos de 3 efectivos por día en cada Parque de Bombeiros”, afirman.

Dereito a secundar a folga

Lembran que desde o pasado día 15 de xuño, co comezo da Folga Autonómica de Bombeiros Comarcais de Galicia, “desde o Comité de Folga instouse aos traballadores a que non se acollesen ao dereito a secundar a folga e por tanto a renunciar á principal ferramenta de presión laboral que a Constitución Española recolle como dereito fundamental”. Esta recomendación do Comité de Folga, que se mantivo durante case 4 meses e que en gran medida atentaba contra un dereito fundamental, “perde efecto por acordo da asemblea de traballadores, permitindo por tanto que calquera Bombeiro Comarcal de Galicia poida exercer libremente o seu dereito para secundar folga, nos termos e condicións que establece a Lei. A parte traballadora entende as consecuencias que esta medida supón en canto a materia económica e de cotización á Seguridade Social”, afirman.

Do mesmo xeito, sinalan que a parte institucional é coñecedora de que esta medida, que chega con 118 días de atraso, podería estar a se aplicar desde o día 1, e que “tamén é coñecedora de que o emprego deste dereito fundamental por parte dos traballadores pode dificultar as artimañas que empregan os Consorcios de Bombeiros para derivar persoal duns parques a outros e así camuflar os potenciais peches de instalacións que van capeando, a pesar de demostrar en máis de 300 ocasións que non son capaces de evitalos”.

Mobilizacións

A asemblea ratificou a convocatoria de 4 concentracións e unha manifestación. As primeiras terán por obxecto trasladar a protesta da parte traballadora ás sedes das catro Deputacións Provinciais, mentres que a manifestación ten por obxecto levar as queixas ao máximo representante da Xunta de Galicia. O calendario establecido é:

  • CONCENTRACIÓN 20 de outubro: Deputación de Pontevedra
  • CONCENTRACIÓN 23 de outubro: Deputación de Ourense
  • CONCENTRACIÓN 27 de outubro: Deputación de Coruña
  • CONCENTRACIÓN 31 de outubro: Deputación de Lugo
  • MANIFESTACIÓN 17 de novembro: Presidencia da Xunta de Galicia

No referido á manifestación do 17 de novembro, acordaron que a convocatoria será a nivel estatal, tratando de contactar con sindicatos, plataformas e asociacións profesionais de todo o Estado para trasladarlles a situación na que se atopa o conflito dos Bombeiros Comarcais de Galicia e demandar o maior apoio e asistencia posible.

Contactos cos grupos políticos.

A asemblea autorizou ademais ao Comité de Folga a realizar roldas de contacto cos representantes dos diferentes grupos políticos para expoñer a situación e analizar posibles vías de desbloqueo.

Asemblea día 20 de novembro

Na propia asemblea acordouse emprazar a unha nova “Asemblea Extraordinaria de Traballadores” para o próximo día 20 de novembro, para valorar o estado en que se atopan as negociacións e para trasladar a situación aos Bombeiros Comarcais. Advirten, ademais, que nesa asemblea valorarán e acordarán a aplicación de diferentes medidas que escalen as xa previstas, salientando “os peches, as acampadas en lugares públicos ou a folga de fame dos case 500 efectivos que están a prestar o servizo”.